lunes, 31 de octubre de 2011

Ortographia

A ortografía é unha convención de letras baseada, na maioría dos casos, nunha tradición, propia ou allea, para escribir unha determinada lingua. E como esta é ante todo unha fala, a ortografía non modifica substancialmente nada dela. Ademais, é ben sabido que a inmensa maioría das falas non se escriben, e por tanto non teñen nin lles cómpre unha ortografía que as unifique visualmente. Mais aquelas, as máis poderosas ou as aspirantes a ocupar unha posicición determinada (porque os seus falantes teñen, ou tiveron, os meios, en maior ou menor medida, para impor a súa fala como idioma de comunicación escrita nun determinado territorio), que si se escriben, precisan unha ortografía coma auga de maio para ter visibilidade, para estar no mundo.

Non é casualidade que a maioría das linguas que se escriben actualmente teñan unha curta, ou mesmo curtísima, tradición escrita; sen ir moi lonxe, a basca comeza no s.XVI con textos predominantemente relixiosos, fóra de escasos textos de mínima extensión, algo parecido ocorre coa bretoa a partir do s.XV, e así mesmo a finesa, a estoniana, a letoa, a eslovena ou a romanesa comeza no s.XVI; e se ollamos a África, América ou Oceanía a escritura da maioría das súas linguas é moitísimo máis recente: suahili, ioruba, tahitiano no s.XVIII; xosa, duala, oromo, soto, navaho, linguas esquimós, maorí no s.XIX; bambara e numerosas linguas amerindias no s.XX, etc. E a motivación fundamentalmente é a mesma: a evanxelización dos seus falantes, pois fóra deste criterio apenas o científico xustificaba, por veces, o esforzo de dotar de escritura as “falas inferiores”. Así pasou con varios idiomas europeos, e logo con moitos máis nos demais continentes. E inclusive hai linguas que usaron máis dun alfabeto ao longo da súa historia: como o albanés, en escritura arábiga, cirílica e latina; o romanés, en cirílico e latino; o serbo-croata, dividido agora en tantos pretensos idiomas como estados xurdiron da desaparecida Iugoslavia, fóra de Eslovenia, Macedonia e Kosovo, que aínda se escribe en cirílico e latino; o turco, que usou o arábigo na idade moderna até que a reforma de Ataturk, no 1928, impuxo o latino, etc. Comparado coa mudanza de alfabeto calquera variación ortográfica é unha nimiedade.

O galego, lingua que ten a fortuna de posuír unha longa tradición escrita, correu a mesma sorte que todos os idiomas en igual situación: ter unha importante variación escrita ao longo da súa traxectoria. Así, se no inicio o galego-portugués vai seguir similares convencións ortográficas que as demais linguas romances, logo mentres o portugués, a variante meridional, irá aos poucos reforzando a súa personalidade face ao castelán (coa introdución por exemplo dos dígrafos provenzais NH e LH), o galego, a variante setentrional, iraa perdendo. A aparición da imprenta no s.XVI fará que a ortografía sexa unha necesidade imperiosa para poder divulgar os textos entre todos os falantes dunha mesma lingua, xa que logo, será a partir deste século que comece a regularización dos idiomas con poder; ende mal, o galego está en plena decadencia de poder, malia ser a fala maioritaria do país, que está en mans alleas, en mans de castelanofalantes que van impondo a súa fala e mais a súa escrita nun proceso secular que aínda non deu rematado. Por sorte haberá unha reacción, por imitación de procesos similares noutros territorios europeos, que comezará no s.XIX e continuará até os nosos días, e nesta reacción é cando xurdirá a necesidade dunha ortografía unificadora que converta o galego, de novo, nun idioma de cultura.

Porén, alá foi o que Marta fiou, xurdirán dúas tendencias irreconciliábeis, en principio: a que parte da realidade da fala contemporánea e da pertenza política, e da dependencia cultural, de Galiza a España, baseando a súa proposta ortográfica na do español, que é a que vai triunfar até hoxe, xa que se fará oficial, mais con sucesivas concesións á outra proposta; e a que parte da tradición histórica e da incuestionábel relación do galego coa lusofonía –por certo, lamentábel denominación para un idioma xurdido no territorio dos galaicos-. Desta disputa fraticida irán xurdindo as diferentes propostas normativas para escribir o galego, oscilando entre representar a fala viva ou recuperar a lingua histórica, aínda que nas máis das veces cunha certa tendencia cara á depuración do idioma. Xa que logo, o galego vaise escribir de diferentes formas ao longo destes dous últimos séculos. Poñamos por exemplo unha frase e apliquemos diferentes ortografías usadas á mesma (oficial, medieval, reintegracionista, do rexurdimento e fonética de Ribalta):

As árbores para a súa conservación están nos montes de arriba da vila.

As arvores pera sua conservaçon son enos montes de suso da vila.

As árvores para a sua conservaçom som nos montes de arriba da vila.

Os arbres pr’a súa conservación están n-os montes d’arriba d’a vila.

Os arbores prá súa conserbazión stan nos montes d-arriba da bila.

Malia as diferenzas visuais, máis rechamantes nunhas ortografías ca noutras, a frase pronuncíase igual, ou case, en todas, e todas representan a fala galega.

Porén, isto non é un vicio de noso e allur xorden guerras ortográficas. Así o aragonés crea a súa primeira ortografía propia en 1974, cun importante cariz fonético, que divulga o Consello d’a fabla Aragonesa con abondo suceso. Seguindo esta ortografía podemos traducir a frase anterior como:

Os árbols ta ra suya conserbazión son en os mons d’alto de a billa.

Mais a contestación que tivo esta proposta ortográfica, demasiado fonética e afastada da tradición ortográfica aragonesa e románica, obrigou a que se fixese unha reforma ortográfica en 2010, e agora a frase en aragonés queda así:

Os árbols ta la suya conservación son en os mons d’alto d’a villa.

Con todo, as revisións ortográficas non soamente son cousa de linguas en proceso de estandarización, e idiomas tan asentados coma o portugués fixeron importantes reformas ortográficas na idade contemporánea. A tradición ortográfica portuguesa, moi latinizante desde o s.XVI, volveuse moito máis fonética coa reforma de 1911, base da actual normativa ortográfica, e logo desta, habería posteriores revisións, sendo a última a de 1990. Así e todo, os portugueses de 1912 non falaban diferente dos de 1910, obviamente.

Inclusive o español moderno, regulado a partir da fundación da Real Academia Española en 1713, co estabelecemento dunha primeiras normas ortográficas na década de 1720 e, sobre todo, a publicación da Ortographia española en 1741, de carácter netamente latinizante segundo a moda da época, e con sucesivas reformas ao longo do tempo de tipo fonético, coñeceu unha importante excisión histórica coa chamada Ortografía de Bello, proposta de reforma ortográfica fonética radical do lingüísta venezuelano Andrés Bello, seguida durante un tempo por escritores suramericanos e que chegou a ser oficial en Chile entre 1844 e 1927. E mesmo Gabriel García Márquez, no I Congreso Internacional de la Lengua española en 1997, reclamou de novo a proposta fonética para a ortografía do castelán.

2 comentarios:

  1. A frase "As árvores para a sua conservaçom som nos montes de arriba da vila" tem umha gralha. Nom é "de arriba", é "de riba" (ou "de cima"). Em galego RAG pode ser que seja aceitado, mas em reintegrado é incorreto.

    Polo demais excelente artigo!

    ResponderEliminar
  2. Agradezo a corrección. Témo que non é o único erro, e procurarei ir afinando máis a miña linguaxe, xa que un dos obxectivos deste blogue é contribuír a un galego máis depurado que o habitual.

    ResponderEliminar