sábado, 8 de agosto de 2026

Un arroio é un arroyo?

 

Temos esta palabra que, coa mesma procedencia etimolóxica (lat. hisp. arrugio < lat. vulg. arrugia < lat. rugia = suco, canal), ten significados algo diferentes en galego, portugués e castelán.

            O dicionario da RAE defíneo como “caudal corto de agua, casi continuo” na súa primeira acepción e dá os seguintes sinónimos pra tal acepción: torrente, riachuelo, regato, rivera, afluente; mais na súa segunda acepción é “cauce por donde corre un arroyo” e na súa terceira é “parte de la calle por donde suelen correr las aguas”, mentres que o resto das acepcións proceden destas tres primeiras, sendo especialmente rechamante a sétima, propia do Perú e Venezuela, que converte o “arroyo” nun “río navegable de corta extensión”.

            Prós portugueses, segundo o dicionário Priberam, o arroio é unha “pequena corrente de água, permanente ou não” na súa primeira acepción e ten como sinónimo a palabra “regato”, e na segunda e última é a denomibnación dunha planta de horta: a Atriplex hortensis, que tamén é chamada “armole” ou “erva-armoles”.

            Namentres que na nosa lingua, conforme o dicionario da RAG que constitúe a referencia oficial pró léxico galego, o arroio é unha pequena corrente de auga formada pola chuvia e, por tanto, non permanente, na súa única acepción admitida. No anterior Gran Dicionario Xerais da Lingua (Xerais, 2009) era unha “cantidade grande de auga que corre, especialmente despois dunha chuvieira”, na súa primeira acepción, e un “rego por onde flúe a auga da chuvia”, na súa segunda e última acepción. Como comprobamos a chuvia está na orixe dun arroio, pró noso idioma. Polo contrario, o dicionário Estraviz, que segue a normativa do portugués, recolle catro acepcións pra esta palabra: (1) pequena corrente de auga, chamada tamén regueiro; e inclúe tamén os seguintes sinónimos nesta acepción: ribeiro, regato e rego; (2) cal por onde corre o regueiro; (3) a area que deixa a arroiada nas terras; e (4) palla miúda que resta trala extracción do gran.

            Segundo vemos o coherente sería que cando un fala ou escribe seguindo a normativa da RAG use “arroio” seguindo o criterio da propia RAG e, xa que logo, non o faga corresponder coa forma castelá “arroyo”, que debe ser substituída polas verbas galegas: regato ou regacho, cando a corrente é moi pouco abundante, e regueiro, cando a corrente é máis abundante pro non chega á categoría de río. En troques, se un fala ou escribe seguindo a normativa reintegracionista pode moi ben usar “arroio” como correspondencia da forma castelá “arroyo”, visto que “un caudal corto de agua” vén ser o mesmo ca “uma pequena corrente de água”. Polo tanto, sexamos congruentes co noso idioma e non empreguemos o castelanismo “arroio” pra denominar un regueiro ou un regato, como estou afeito a ver en tantos textos, se escribimos coa ortografía das NOMIG. Por certo, o Rinodicionario Castelán-Galego é un excelente instrumento pra evitar castelanismos innecesarios, ende mal, pouco utilizado segundo parece.

Ningún comentario:

Publicar un comentario