viernes, 31 de octubre de 2025

Apelidos galegos que conservan palabras patrimoniais

 

Moitos apelidos galegos sofreron o labor castelanizador que o supremacismo español leva execendo contra a nosa lingua dende hai varios séculos, aínda que antano non recibise esta denominación. A man dos escribáns e notarios foi modificando os apelidos tradicionais do país pra facelos menos marcadamente galegos ou directamente facelos casteláns, así pasaron os Goiáns a Goyanes, os Da Vila a Dávila, os Do Val  a Dobal, os Do Vao a Dobao, os Montouto a Montoto, os Rubiáns a Rubianes, os Soutelo a Sotelo etc.; e igualmente os Afonso a Alonso, os Longo a Luengo, os Louzán/Louzao a Lozano, os Outeiro a Otero, os Preto a Prieto, os Veiga a Vega, os Vello a Bello, os Vermello a Bermejo etc.

Porén, incribelmente non todos acabaron deformados ou castelanizados e moitos escaparon á súa deturpación, ficando galegos ou esencialmente galegos como: Carballo, Cela, Coello, Cortiña, Ferreiro, Freixo, Lama, Louro, Merlo, Nogueira, Regueiro, Reija (Reixa), Riveira (Ribeira), Salgado, Varela, Veloso, Vilariño etc.

E con algúns dáse o paradoxo de que namentres esas mesmas palabras se perdían como formas usadas na oralidade do idioma galego, ben desaparecendo como léxico vivo , ben substituídas polas formas castelás correspondentes, mantéñense como apelidos en uso, así: Cao (es. cano) Cuíña (es. colina), Insua (es. isla) ou Mao (es. malo). Hoxe o dicionario da RAG non recolle o adxectivo “cao” pro si a forma castelá “cano”, e si o adxectivo “mao” como sinónimo de “malo”, a forma principal, e mailos substantivos “cuíña” e “insua”, mais este co significado restrinxido de “illa nun río”.

No hay comentarios:

Publicar un comentario