É o adverbio “intre” sinónimo de
“instante” e “momento”? A resposta correcta dependerá do dicionario consultado:
si son palabras sinónimas ou soamente en determinados casos.
Con todo, a súa especificidade
galega fai que a súa presenza, como forma distintiva, sexa moi superior ao
gramaticalmente correcto en moitos textos literarios, sempre como un sinónimo
pleno de “instante” e “momento”, palabras a miúdo preteridas por ser tamén
propias do castelán, aínda que tamén do portugués.
Segundo o dicionario da RAG: “instante” ou “momento” son as palabras pra indicar
un “espazo moi breve de tempo” (Ex.: Tardamos
só un instante/momento. Cómpreme un instante/momento pra o facer), e ambas
dan lugar ás locucións: “a cada
instante/momento” co significado de: “de maneira frecuente”, e “nun instante/momento” co significado
de: “enseguida, decontado” e sinónima da locución: “no intre”. Ex.: Consulta o reloxo a cada instante/momento. Estou
contigo nun instante/momento = Estou contigo no intre. Amais, “momento”
tamén pode ser sinónimo de “ocasión” e “situación”. Ex.: Aproveita cada momento (= ocasión) que pode. É un pésimo momento (=
situación) pra facelo. E “momento” ten unhas locucións únicas, non
intercambiábeis con “instante” nin “intre”: “de/polo momento” co significado de: “con respecto á situación
actual”, e “en todo momento” co
significado de: “en calquera tempo ou ocasión”. Ex.: De/Polo momento estou satisfeito. Sempre te gaba en todo momento.
Porén “intre” é definido tanto “un tempo
preciso en que ocorre algo” coma “unha porción temporal breve entre dous
feitos”, e dá lugar á locución: “no
intre” co significado de “inmediatamente”, e sinónima de “ao momento” (Ex.: Fíxoo no intre/ao momento). Como “punto preciso no tempo” pode ter
como sinónimo a “momento” pro non a “instante”, mais como “espazo temporal
breve” si a ambos: momento e instante. Ex.: No
intre/momento en que o viches acababa de chegar. Entre unha cousa e a outra non
tiven un intre/momento/instante de acougo.
Porén ao ver a sinonimia das tres
verbas no mesmo dicionario, comprobanos que “instante” e “momento” son considerados
sinónimos como “espazos breves de tempo” pro “momento”, co mesmo significado,
ten amais a “intre” e “retrinco” como sinónimos, mais “intre” soamente ten a
“momento” como sinónimo, o mesmo que “retrinco”. Isto supón unha clara
incoherencia a respecto dos sinónimos, dado que se A = B e B = C, o lóxico
sería que A = C.
Sicasí, pró Gran Dicionario Xerais da Lingua, tanto “intre” coma “instante” e “momento” son sinónimos nos
significados de: “Punto preciso no tempo” e “Espazo de tempo moi breve”, mais
só recolle a locución “No intre” (= nese preciso momento); mentres que “instante”, tamén cos mesmos significados, recolle as
locucións: “A cada instante” (= con frecuencia, de maneira continua), Nun
instante (= decontado), Ao/ó instante (= sen espera ningunha) e “Por
instantes” (= pouco a pouco); e “momento”,
que amais inclúe outras acepcións figuradas como: “Tempo ou época determinada
en que sucede algo”, “Ocasión ou circunstancia oportuna” e “Tempo presente,
época actual”, recolle as locucións: “A cada momento” (= con frecuencia
e de maneira repetida), “De/polo momento” (= con relación ao tempo
presente), “Dun momento a outro” (= pronto, sen tardanza), “En todo
momento” (= constantemente, sempre), “Non ver o momento de algo” (=
deswexalo con impaciencia), Ao/ó momento” (= deseguida, decontado), “Por
momentos” (= sucesiva e momentaneamente) e “Últimos/derradeiros momentos”
(= os que preceden á morte).
E pra maior confusión o dicionário Estraviz recolle “intre” como sinónimo de: “ínterim” (= tempo
intermedio) e “instante”, e as locucións: “Neste intre” (= neste
intervalo, neste espazo de tempo), “No intre” (= entre tanto, mentres;
ao momento) e “Polo intre” (= no entre tanto); “instante”
como: “espazo moi curto de tempo, momento” e “ocasión”, e as locucións: “No
mesmo instante” (= decontado) e “Nun instante” (= enseguida), e
seguindo ao portugués tamén admite a palabra como adxectivo coas acepcións de:
Inminente; insistente; urxente; e “momento” cos
significados de: tempo moi breve, instante; ocasión oportuna; circunstancia, e
as locucións: “A cada momento” (= frecuentemente), “Ao momento”
(= inmediatamente), “De momento” (= naquela ocasión; agora), “Dun
momento para outro” (= inesperadamente, en breve), “Non ter momento
libre” (= estar normalmente moi ocupado), “Nun momento” (=
inmediatamente) e “Ser cousa dun momento” (= ser de fácil execución; ser
asunto apresurado e sen demora).
Mais é evidente que os usos
casteláns de “instante” e “momento” (porción brevísima de tempo) e as súas
locucións explican os usos maioritarios destas palabras no galego actual: (a) cada instante/momento, al instante/momento, de momento/por el momento, de un momento a otro, e por instantes/momentos (= decontino; dun
momento pra outro), e así mesmo no uso de “intre”.
Apuntamento lusófono:
O portugués non coñece esta
palabra, soamente “instante” e “momento”, cos significados de “anaco de tempo moi
breve” e “ocasión”e as locucións: “a
cada instante/a todo o instante” co significado de “continuamente”, e “num instante” co valor de “axiña,
decontado”; e “a cada momento” (=
con frecuencia), “de momento” (=
nesta/naquela ocasión, agora), “de um
momento para (o) outro” (= inesperadamente) e “num momento” (= inmediatamente). Mais “instante” tamén pode ser
adxectivo cos significados de: inminente; urxente; insistente.
Interesante reflexión, con evidentes influencias do gran pensador Groucho Marx na súa exposición. No entanto, se alén de provocar a hilaridade dos seus lectores busca o autor, como parece, falar en serio sobre cuestións lingüísticas e gramaticais, sería recomendable que, antes de se meter en sutilezas semánticas, afianzase coñecementos máis básicos, como a que categoría gramatical pertencen os termos cuxo uso pretende analizar, pois é obvio que alguén que cre que "intre" é un adverbio ten aínda algún traballo por diante antes de poder abordar cabalmente cuestións máis complexas.
ResponderEliminarCéntrese polo momento niso e en aprender a distinguir o adverbio "si" da conxunción "se" e, con paciencia e interese, xa chegará o día en que estea vostede capacitado para xulgar a corrección gramatical de textos literarios alleos e mesmo propios.