Aínda que as
tres palabras comparten algúns significados, conviría empregalas asignándolles
unhas significacións máis estritas ou dominantes para que todas poidan seguir
tendo uso na nosa lingua, sobre todo “senso”; pois conforme os resultados da
diglosia en Galiza: “toda palabra galega que non coincide ou se parece á súa
correspondente castelá tende a desaparecer”, aínda que a isto algúns lingüístas
o denominan: “evolución converxente” entre a lingua dominada e a dominante
nunha relación de “bilingüísmo harmónico”, e outros menos hipócritas:
“substitución lingüística”, que é o que o galego leva sofrindo dende hai máis
de cinco séculos.
Tanto “senso” coma “siso” proceden
do latín “sensus”, a primeira como forma culta e a segunda como evoluída, cos
significados de “sentido”, mentres que este deriva do verbo “sentir”. Os
derivados das tres palabras indícannos os seus significados máis importantes.
Así: “sensato” e “sensatez” de “senso”; “asisado” e “sisudo” de “siso”; e
“sentimento” e “sentimental” de “sentir > sentido”.
A palabra latina deu en castelán o
termo patrimonial: “seso”, cos significados actuais de “cerebro”, usado en
plural “miolos” e “xuízo, bo entendemento”, mais antano tamén se usou cos de:
“facultade sensitiva da alma”, “significado dunha palabra” e “ditame, opinión”.
Tamén deixou descendentes en portugués: “senso” e “siso”, en francés: “sens”,
en inglés: “sense”, e en italiano: “senso”.
Tanto “senso” (Ex.: Pero abendo todo meu senso e todo meu
entendemento; que vos damos eno dito
senso toda aquella herdedad) coma “sentido” (Ex.: Todo adormyçido sen todo sentido; o sentido que avia en saber Amor) son palabras usadas dende a Idade
Media, mais non teñen a frecuencia de rexistros ca a patrimonial “siso” (Ex.: El non era de mal siso; con todo meu siso enteyro; começou cõ pouco siso a despreçar os omes
onrrados).
Xa que logo, usemos primordialmente
“siso” para indicar “bo entendemento, xuízo”
(Ex.: É bo rapaz pero ten pouco siso);
“senso” para “facultade de razoar, entendemento”
(Ex.: Parece que perdeu o senso polo que
fai) e para “maneira de entender algo” (Ex.: Convén saber en que senso o di; usou
“agudo” no senso de “espelido”); e “sentido”
para “facultade de sentir fisicamente algo” (Ex.: Esta perdeu o sentido do gusto), “aptitude para facer ou entender
ben algo” (Ex.: Vaia sentido do humor que
tes), “estado de plena consciencia” (Ex.: Co golpe varréuselle o sentido), “unha das dúas formas de percorrer
unha dirección” (Ex.: O moi bruto viña en
sentido contrario) e “razón de ser” (Ex.: Non ten sentido que me pidas contas por iso) para que as tres
palabras por veces sinónimas poidan seguir vivas en galego.
No hay comentarios:
Publicar un comentario