A idea dunha gramática comparativa entre as diferentes
linguas españolas –usando este xentilicio na súa orixinal acepción sinónima de
“ibéricas”– levaba no meu maxín desde hai moitos anos, mais a miña incapacidade
tanto técnica coma intelectual fixo que
o excelente proxecto ficase adiado até as calendas gregas.
Así que
foi toda unha agradábel sorpresa descubrir que a brillante idea fora levada a
cabo por alguén, exactamente polo lingüísta asturiano Ramón de Andrés Díaz na
súa “Gramática comparada de las lenguas ibéricas” (ediciones Trea, Xixón, 2013);
un voluminoso libro que compara con absoluta igualdade as diferentes ou
semellantes evolucións e solucións das seis linguas ibéricas (é dicir as
faladas no territorio europeu de España e Portugal, pois o bérber de Melilla e
o árabe de Ceuta son tamén linguas españolas pero non ibéricas):
galegoportugués, asturleonés, castelán, basco, aragonés, catalán e occitano.
Aínda que asumindo os diferentes estándares como suxeitos para a comparación,
polo que aparecen diferenciados portugués e galego, mirandés e asturiano, e o
aranés como forma autónoma do occitano.
Ende
mal, o libro non tivo moito suceso, quizais porque ten o atrevemento de tratar
os seis idiomas con absoluta igualdade, sen considerar que unhas linguas son
máis importantes ca outras como obxectos de estudo. Se cadra esta posición de
total neutralidade, malia que o texto está redixido en castelán, fixo que o
libro non fose reseñado como merece. A lingüística española non está afeita a
que o castelán non goce de privilexio en calquera obra que fale sobre as
diversas linguas de España, e coido que o tratamento do asturleonés e o
aragonés como linguas iguais ao castelán e non como dialectos deste reborda a
tolerancia da caste lingüística oficial. Con todo, o libro está editado e a
disposición de todo o que queira coñecer como evoluíu o latín nos distintos
romances ibéricos que chegaron até hoxe, pois o que denominamos como mozárabe
non deixa de ser unha morea de especulacións, sen saber sequera con certeza se constituía
unha soa lingua ou varias.
Grazas
a esta gramática podemos entender cales son as características que determinan
unha lingua fronte ás súas veciñas, tanto fonémicas coma morfosintácticas e
mesmo léxicas –o autor, asturiano e asturianista, non cae no erro da Academia de la Llingua Asturiana de
inventar unha “lingua eonaviega” e inclúe esta fala dentro do galego–.
A
comparación entre estándares de variantes lingüísticas: portugués e galego ou
mirandés e asturiano, permítenos comprobar como as linguas podentes (as
privilexiadas polos estados) inflúen sobre as febles (as minorizadas),
modificando a fonética, a morfosintaxe e o léxico destas. Así vemos que moitas
das diferenzas entre mirandés e asturiano soamente se explican por causa do
portugués e castelán:
Mir: amisade (por: amizade) / ast: amistá (cas: amistad).
Mir: cidade (por: cidade) / ast: ciudá (cas: ciudad).
Mir: cóbado (por: cóvado) / ast: coldu (cas: codo).
Mir: díbeda (por: dívida) / ast: deuda (cas: deuda).
Mir: preguicia (por. Preguiça) / ast: pereza (cas: pereza).
Mir: dezasseis, dezasiete, dezuito, dezanuobe, binte (por:
dezasseis, dezasete, dezoito, dezanove, vinte) / ast: dieciséis, diecisiete, dieciocho,
diecinueve, venti (cas: dieciséis, diecisiete, dieciocho, diecinueve, veinte).
Mir: pintassilbo (por: pintassilgo) / ast: xilgueru (cas:
jilguero).
Mir: hoije (por: hoje) / ast: güei. Etc.
A
inclusión do basco, como idioma ibérico que é, dános a sorpresa de ver como o
latín, primeiro, e as linguas romances,
despois, inflúen poderosamente nel, non soamente no seu vocabulario senón que
tamén por veces na súa estrutura:
Gauza (queixo) < lat. causa, katea (cadea) < lat.
catena, ahate (pato) < lat. anate, ispilu (espello) < lat. speculu, lore
(flor) < lat. flore, mesede (favor) < lat. mercede, erretore (párroco)
< lat. rectore, dorre (torre) < lat. turre, abuztu (agosto) < lat.
augustu, denbora (tempo) < lat. tempora, bake (paz) < lat. pace, bekatu
(pecado) < lat. peccatu, galtza (pantalón) < lat. calcea, gaztaina
(castaña) < lat. castanea, joku (xogo) < lat. iocu, soka (corda) <
lat. soca, agur (adeus) < lat. auguriu, gaztelu (castelo) < lat.
castellu, boronde < lat. fronte, eliza (igrexa) < lat. ecclesia, katu
(gato) < lat. cattu, piku (figo) < lat. ficu, errota (muíño) < lat.
rota, saindu (santo) < lat. sanctu, koroa (coroa) < lat. corona, kipula
(cebola) < lat. cipulla, etc.
Vemos
que a estandarización do aranés se fixo procurando a confluencia co estándar
occitano, sen menoscabo de respectar a idiosincrasia desta fala pirenaica,
mentres que a do mirandés se fixo converxendo co estándar portugués e de costas
ao estándar asturiano, que á súa vez tomou como modelo, en gran medida, o
estándar español.
En
definitiva, unha obra que merecía máis suceso e que recomendo polo moito que
achega aos que gustamos da diversidade lingüística.
No hay comentarios:
Publicar un comentario