Hai algúns meses xurdiu certa polémica, no ámbito da lingua
castelá, sobre os excesos que se estaban a cometer nas recomendacións e nos
usos dunha linguaxe non sexista por parte de certos colectivos ou asociacións.
A verdade é que todos os argumentos ditos, tanto en pro coma en contra, son
tamén perfeitamente válidos para o galego ou calquera outro idioma do mundo,
atreveríame a afirmar; pois todas as linguas son o produto dunha sociedade e
reflicten os costumes dela. Por iso non é nada casual que no idioma o masculino
prevaleza sobre o feminino, dado que até onte mesmo a muller estivo
completamente supeditada ao home –e en moitos lugares aínda o está-, e a lingua
tan só mostra esta realidade social, así que cando dicimos: “Os noruegueses son
altos”, incluímos tamén as norueguesas nesta afirmación; mais se dicimos: “As
norueguesas son altas”, os homes noruegueses quedan excluídos sen dúbida
ningunha. Por esta razón as gramáticas afirman que o masculino constitúe o “termo
non marcado” da lingua, e isto é algo practicamente universal. Con todo,
parecería lóxico pensar que se a sociedade muda, a lingua en coherencia debería
amosar tamén esta mudanza, por isto xorden colectivos que reivindican un uso
menos, ou nada, sexista, ou sexa “non marcado”, da lingua.
Cando a lexicografía ao ordenar as palabras con diferenza de
xénero nos dicionarios adopta un criterio pretendidamente semántico no canto do
meramente alfabético (galega/galego, alemá/alemán, má/mao, gobernador/gobernadora,
español/española, xuíz/xuíza, etc.) tamén adopta un criterio ideolóxico. É o
mesmo que adoptou a Xunta Eleitoral Galega nas pasadas eleicións cando decidiu
pór primeiro a sinalización en español e despois en galego, lanzando unha
mensaxe de ideoloxía clara: “Ambas as linguas son oficiais, pero prima o
español sobre o galego”. Coido que nos dicionarios, dando primacía ao xénero
masculino sobre o feminino, se envía a mensaxe de que ambas as palabras figuran
con todo dereito no dicionario, pero prima o xénero masculino sobre o feminino.
Convén non esquecer que a lingua sempre estivo condicionada
pola sociedade en xeral, a súa creadora, e, sobre todo, polo poder. Non é
casual que para nos despedir digamos “adeus” e que usemos outras moitas frases
en que a crenza cristiá ten protagonismo: se Deus quer/quixer, beizón, grazas,
Deus o queira, pola virxe santísima, etc. E os prexuízos sociais están ben
presentes en frases como: facer unha xudiada, traballar coma un negro, ser un
mouro, ser un marica (“marica” é un hipocorístico de María, o nome máis típico
da muller), etc.
Por tanto, os que defenden que a lingua non se pode manipular
co gallo de que sexa “politicamente correcta” esquecen, non sei se á mantenta,
que sempre estivo manipulada, primeiro polos que sabían ler e escribir,
secularmente unha minoría, e logo coa creación das Academias e organismos
semellantes, ditando normas ou recomendando usos sobre o estándar dun idioma, e
mesmo inventando múltiplas palabras: xuíz > xuíza, doutor > doutora,
beira + rúa > beirarrúa, etc.
Na verdade os usos en que se repiten as mesmas palabras con
sufixos en feminino e masculino resultan cargantes, malia o seu certo suceso:
as norueguesas e os noruegueses son altos; parece que a procura de formulas que
abranxan os dous xéneros sería máis axeitado: os naturais/habitantes de Noruega
son altos. Existen algúns substantivos que engloban o conxunto de ambos os sexos,
moi úteis para estes casos: os profesores e as profesoras están reunidos > o
profesorado está reunido; mais por desgraza non son moitos e polo tanto ofrecen
unha solución moi restrinxida. Porén, seguindo as regras de creación de
substantivos da lingua, que impide que se creen aqueles que faltan? Acaso non
se fixo xa para outras necesidades como en: aparcar > aparcadoiro, aterrar
> aterraxe, cesar > cesamento, despregar
> despregamento, perruca > perrucaría, xinto > xintoísta, xintoísmo, etc.
Por último, non se debe esquecer que hai algúns vocábulos que
teñen a mesma forma para ambos os xéneros como: policía, artista, herexe,
profesional, mártir, consorte, bebé, hóspede, acompañante, soldado (pois
“soldada” é outra cousa moi diferente), espía, cómplice, refén, etc.; e algúns foron
perdendo o seu xénero particular para abranxer ambos os xéneros, como “poeta”,
que xa practicamente se emprega tanto para homes coma para mulleres, polo que a
creación “poetisa” é unha palabra en claro abandono; ou como “personaxe”, que
se tende a usar como masculino cando se refere a un home e como feminino cando
a unha muller. El non sería factíbel que sucedese tamén con outros termos, que
moi ben poderían compartir a mesma forma nos xéneros? É interesante recordar
como o galego atlántico ou occidental usa a mesma forma para ambos os xéneros nas
palabras rematadas en –án: a/o cidadán, a/o irmán, a/o artesán, a/o tecelán,
a/o aldeán, etc.; mais este modelo, o demograficamente maioritario, non se
seguiu para o estándar porque se afastaba do modelo castelán, e do portugués,
polo que os reintegracionistas non deron un chío.
Até que punto era necesario crear formas diferentes para o
feminino no canto de facer unha ampliación semántica para incluír tamén este
xénero: a alcaldesa – a alcalde, a xuíza – a xuíz, a consulesa – a cónsul, a xastra
– a xastre, a presidenta – a presidente, a mestra – a mestre, a clienta – a
cliente, etc. Nesta creación de xénero feminino hai auténticas incoherencias
como ter “elefanta” pero non “hipopótama”, “antílopa”, “rinoceronta”, e nin
moito menos “xirafo”, “hieno”, “cebro” ou “águio”; curiosamente invéntase unha
“tigresa” pero non unha “leoparda”, unha “lincesa”, unha “xaguaresa” nin, moito
menos, un “pantero” –o caso de león/leoa é totalmente diferente pois ambos os
sexos son doadamente diferenciábeis a simple vista-. E todo canto se fixo foi
por simple mimetismo do modelo castelán, soamente baste comprobar como
coinciden palabra por palabra as solucións en ambas as linguas; aínda que o
galego ben puido seguir outra vía, perfeitamente coherente e, sobre todo, propia.
No hay comentarios:
Publicar un comentario