viernes, 16 de marzo de 2012

Ningures é en lugar ningún

Gusto moito de ler, e se pode ser en galego, daquela é mel nas filloas. O caso é que este costume fai que me fixen moito na lingua que se usa nos libros, por isto non me pasa desapercibido como moitos autores ou tradutores van esquecendo os recursos da nosa lingua por seguir mimeticamente os do español, se cadra por ser este o seu idioma cotián ou o que utilizan como referencia; e aínda que non nego que a distancia entre as dúas linguas non é moi grande, obviar as diferenzas é facela máis pequena aínda.

Así que é unha pena como os adverbios de lugar “algures” e “ningures” estean a caer no esquecemento en moitos textos. Teñen a desgraza de non existiren en castelán e, por tanto, parecen innecesarios a moitos autores ou tradutores que os substitúen alegremente por “algún lugar / algún sitio / algunha parte” e “ningún lugar / ningún sitio / ningunha parte” respectivamente. Non nego a validez do recurso estilístico desta substitución, tal como se fai con outros adverbios: algo = algunha cousa, alguén = algunha persoa, nada = ninhunha cousa, ninguén = ningunha persoa; mais cando o recurso se converte na única opción, podemos afirmar que estamos perante un rexeitábel castelanismo.

Estes dous adverbios tamén existen en portugués: “algures” e “nenhures”, onde teñen, sobre todo, un uso literario ou de fala coidada. Mais existe unha diferenza na súa utilización coa preposición “en”, xa que en portugués, e na normativa reintegracionista, non se pode usar esta preposición ante eles, mentres que en galego o usual é facelo:
A casa está algures / A casa está en algures.
-Onde estará? –Nenhures (pt.) / Nengures (reint.) / -Onde estará? –En ningures.
Não o conhecem nenhures / Non o coñecen en ningures.

Existen outros dous adverbios de lugar pouco coñecidos, e menos usados, que eu descubrín mercé ao seu uso por parte dalgúns escritores preocupados por coñecer e enriquecer a lingua que utilizan: “xalundes”, que significa “calquera outro lugar”, e mesmo aparece recollido entre os adverbios de lugar na listaxe das NOMIG, e “allur / allures”, que equivale a “noutra parte”, e só o atopei no Gran Dicionario Xerais da Lingua. Este último, segundo Manuel Ferreiro na súa Gramática histórica galega, entrou no galego medieval procedente do provenzal “alhors / alhor”.
Ex.:
Ninguén estaba, todos ían xalundes / allur.

No hay comentarios:

Publicar un comentario