jueves, 26 de enero de 2012

SER E ESTAR

Dous verbos fundamentais na sintaxe galega e, con todo, unha parte importante dos seus usos está condicionada pola sintaxe do castelán. A continua escolarización en español e o uso masivo desta lingua nos meios de comunicación ou na leitura modificaron aspectos semánticos destes verbos. Mais é posíbel e aconsellábel recuperarmos os usos máis propios destes dous verbos, conservados ende ben no portugués.

O verbo estar indica o lugar a respecto de suxeitos móbeis e a transitoriedade nos suxeitos:
O libro está encol da mesa.
Alberte está en Santiago.
A carne está no frigorífico.
A auga do caldeiro está morna.
Es serio pero estás alegre.

Mais tamén en casos como:
“Está ciente do seu labor”, e non: “é ciente…”

Por iso cando nos referimos a un suxeito inmóbil, o indicado sería usar o verbo ser, e non “estar” a imitación do castelán:
Xoán está en Nova Iorque, onde é a sede das nacións Unidas.
Aínda que estou a traballar en Betanzos, a miña casa é na Coruña.
As Illas Cíes son na ría de Vigo.

E tamén para indicar propiedades de seu dos suxeitos, mentres que usamos “estar” para apreciacións:
O leite é branco, mais non está quente.
A camisa é nova e, non obstante, está rota.
O coche é novo / O coche está novo.
Elisa é linda / Elisa está linda.

Mais tamén en casos como:
“É prohibido fumar” no canto de “Está prohibido fumar”, aínda que o mellor sería: “Prohíbese fumar.”
“A ONU é formada polos estados do mundo”, e non: “está formada…”
“Lémbrome de cando o meu avó era vivo”, e compárese con: “lémbrome de cando era novo.”
“Es casado?”, e compárase con: “estás cansado?”
(o estado civil non é algo transitorio, normalmente, mais sentir fádiga si.)

En definitiva, debemos usar o verbo ser para indicar a permanencia e a esencia, en tanto que co verbo estar indicamos a transitoriedade e a valorización.

No hay comentarios:

Publicar un comentario