domingo, 15 de enero de 2012

Reintegracionismo e isolacionismo 3

Entre os sinais da escrita, quizais o que mais diferencia as dúas normativas é o uso que se dá ao trazo, guión ou “hífen”.
A nomativa reintegracionista aquí marca un gran punto, dado que o usa para separar os pronomes átonos cando van enclíticos á forma verbal: falava-lhe, quigem-te, (deves) comê-lo, (ti) come-lo; tamén para unir os pronomes átonos entre si: nom no-la vendeu, dérom-vo-lo; ou estes co adverbio de lugar “eis”: eis-me, ei-la. Non modificándose a acentuación normal da forma verbal.
Este sistema é que utiliza o catalán, o occitano, o francés, o aragonés e mesmo parcialmente o asturiano (da-y pan; el café, muel-lo; la ropa cues-se), que segue os pasos do español, pero non o mirandés, que segue os do portugués; tampouco o italiano, nin demais linguas itálicas.
Tamén o usa para unir as palabras compostas que funcionan coma se xa fosen unha soa: quarta-feira, decreto-lei, Gram-Bretanha, estado-unidense, couve-flor, pré-historia, micro-onda, ex-presidente, etc. Mais aquí a regra mostra tantas excepcións que deixa de ser unha regra, como usalo para o topónimo “Guiné-Bissau” pero non para “Cabo Verde” ou “Ponte Vedra” e si empregalo nos seus xentilicios: cabo-verdiano, ponte-vedrês; ou usalo en palabras compostas con adverbios: sem-vergonha, bem-soante, mal-estar, pero non en: benfeitor ou malsoante; ou nalgunhas locucións: arco-da-velha, cor-de-rosa, mais-que-perfeito, aínda que na maioría non o faga: caminho de ferro, cor de vinho, fim de semana, pretérito imperfeito, etc.; e a lista de palabras compostas que non o usan é demasiado abondosa: antirreligioso, extraescolar, microssistema, hidroeléctrico, socioeconómico, minissaia, etc., dándose curiosidades como: nova-iorquino pero neozelandês, sub-humano pero desumano, pan-africano pero pangermânico, anti-higiénico pero antitabaco, contra-almirante pero contracultura, circum-navegar pero circunscrever, hiper-realismo pero hipertrofia, co-herdeiro pero coeducaçom, etc.
Pola contra a normativa oficial úsao unicamente para separar algunhas palabras compostas: ex-presidente, maníaco-depresivo, non-fumador, etc., aínda que a maioría non o leva: sapoconcho, malpocado, cabodano, xordomudo, etc., e algunhas escríbense separadas: porco bravo, terza feira, garda civil, etc.; para unir o artigo determinado co adverbio “u”: u-lo neno?; e para unir os alomorfos do artigo determinado após as formas verbais ou pronominais rematadas en –s ou –r (tráiovo-lo libro, cháma-la atención), aínda que esta última opción deixou de ser obrigatoria.
Se un matina un pouco nestas regras, en principio sinxelas, achará algunhas, ou moitas, incoherencias. Por exemplo, se se considera que o alomorfo do artigo debe separarse nidiamente da forma verbal que o modifica (e aí aparece o trazo separador), xa que non forma parte do verbo. Por que modifica a acentuación deste: amas / áma-la muller?, ou por que os pronomes persoais si deben ir soldados á forma verbal, se tampouco forman parte do verbo: que me ame / ámeme, se llo dou / doullo; cando van proclíticos se diferencian e cando van enclíticos se soldan co verbo?
Coido que se copiou o modelo español sen ter en conta algunhas diferenzas notábeis entre as dúas linguas: que en castelán o pronome átono só vai enclítico, obrigatoriamente, tras infinitivo, xerundio e forma imperativa (comerlo, cayéndome, vete), é dicir, en moitos menos casos ca en galego, onde a forma enclítica é a non marcada e os pronomes átonos poden anteceder a infinitivo e xerundio segundo casos; ou tamén, que non separando pronomes e verbos pódense dar casos de ambigüidade (falas ti (de falar ou de facer) pero falas ti / fa-las ti; creo todo (de crear ou de crer) pero creo todo / cre-o todo; esperábanos (el a nós ou eles a eles) pero esperaba-nos / esperaban-os); ou cando se se quixo reflectir a pronuncia do artigo tras forma verbal ou pronominal rematada en –r ou –s, por que se non fixo o mesmo cando o pronome ou o artigo segue a unha forma verbal acabada en –n ou tras as palabras: non, nin, ben, quen sen, tamén, alguén ou ninguén, en que a pronuncia velar da consoante muda para alveolar: en “cólleno” si se reflicte pero non en “collen-o libro”, “non o fixen” ou “quen o viu?”; “come-lo caldo” si pero “come-no caldo” ou “comen-o caldo” non, “vin a casa, vina” si pero non “vin-a casa, vin-a”. En fin, eu non propoño estas regras que complicarían de máis a escrita, soamente reflexiono por que esa arbitrariedade na fixación das normas, e a conclusión que tiro é que se copiou moito e mal.
E para rematar unha auto-pergunta: por que desapareceu o apóstrofo da ortografía galega?
Porque non soamente era un sinal histórico na nosa lingua, senón que tamén o era no español e no portugués, e segue a ser de uso maioritario e case unánime, fóra do español, o romanés (que usa en substitución o trazo) e o portugués (que só o usa excepcionalmente nas palabras compostas unidas pola preposición “de”: pau-d’alho, galinha-d’água), nas demais linguas romances: asturiano, mirandés, aragonés, catalán, occitano, francés, valón, romanche, italiano, sardo, corso, véneto, siciliano, etc.
Porén, como tanto as reformas ortográficas do español coma do portugués decidiron prescindir del, reintegracionistas e isolacionistas teñen un punto menos que discutir, cada cal seguindo os seus amos.
Por que non se obtou pola súa regularización, no canto da súa supresión, como si fixeron as demais linguas romances que aínda o conservan?

Cantigas de Santa María, estrofa da 144:
E el sayu por yr alá enton; e o touro leixou-ss’yr de
randon a ele polo ferir mui felon, por ll’os cornos
pelas costas meter.

Rosalía de Castro, versos finais do poema “Lévame a aquela fonte cristaíña”:
A sombra d’aquel negro
desengano sin cura nin consolo
qu’antr’os dous puxo o tempo.

Por certo, xa me tarda que a RAG-ILG reforme o uso do prefixo latino “ex” para non unilo con trazo á palabra que acompaña, tal como reformou a RAE.

No hay comentarios:

Publicar un comentario