martes, 8 de noviembre de 2011

Por que escrebemos o galego coma o español?

Por que deixamos de usar as nosas palabras e a nosa ortografía tradicional? Porque o galego tivo unha ortografía tradicional sustentada nos centos de textos medievais que chegaron até nós. Cando deixamos de dicir: Saragoça por Zaragoza, Proença por Provenza, França por Francia, Valença por Valencia, Ovedo por Oviedo, Badallouce por Badaxoz e mesmo Cruña por Coruña?, e de escribir e pronunciar: Peres, Fernandes, Lopes, Rodrigues, Gonçalves, Dias, Esteves, etc. Como dos antigos: (a)presentaçon, condiçon, obrigaçon, acusaçon, derrogaçon, traiçon, posison, prison pasamos aos “modernos”: presentación, condición, obrigación, acusación, derogación, posesión, prisión, salvándose só traizón, doazón, comuñón, beizón e algunha palabriña máis? Saben que noutrora se escribía herba como erva, árbore como arvore, gobernar como governar, xudeu como judeu, xentil como gentil, doce como doze, facer como fazer, haber como aver, cabeza como cabeça, brazo como braço, xustiza como justiça, deber como dever, peza como peça, servizo como serviço, presenza como presença, cristián como cristao, comezar como começar, coidaba ou estaba como coidava ou estava. Algúns dirán que isto é portugués, mais non minto nen, perdón, nin un chisco se afirmo que isto é ante todo galego antigo; porque houbo un tempo en que o galego se escrebía, perdón, escribía doutro xeito, sen ter que pagar o portádego da ortografía moderna castelá. Está nos textos antigos para quen o queira ver. Que se saiba que escribir tantas e tantas palabras con V no canto de B, con Ç no canto de Z e Z no canto de C, e J ou G no canto de X era ben propio do galego. Mais foi no tempo en que Galiza enteira falaba galego e non lle cumpría nengunha, perdón, ningunha outra lingua para viver, perdón, vivir, para estar no mundo, como lles acontece arestora mesmo a todas esas nacións (mellor: naçons) europeas (eslovenos, eslovacos, lituanos, estonianos, letóns, albaneses, islandeses, feroeses, noruegueses, etc.) que tampouco precisan de linguas “podentes” para estar no mundo, e progresar e mirar en fite as demais nacións.

Usar unha ortografía que foi pensada para outra lingua (a castelá) trae consecuencias, como a ambigüidade en certas frases ou a incapacidade de saber a pronuncia de certas palabras, e mesmo o uso innecesario de acentos e letras: Por que usamos o dígrafo GU ante E ou I cando non existe a posibilidade de G+E ou G+I?

Se usásemos o guión como nexo entre o verbo e o pronome que o acompaña desfariamos ambigüidades. Por exemplo: (eu) creo firmemente – (el) creo firmemente / cre-o firmemente; falo (de falar) – falo (de facelo) / fa-lo.

A suposta coherencia da normativa ILG-RAG está chea de incongruencias mercé á grande cantidade de excepcións, que só se explican por seguidismo servil do español. Así o H etimolóxico non se aplica en Xoán (med. Johan) < lat. Iohannes, nin en España < lat. Hispania, nin en Inverno < lat. Hibernu -onde ademais tampouco se respecta a regra do B etimolóxico (con H etimolóxico en cat. Hivern e fra. Hiver)-, nin en Deostar < lat. Dehonestare, nin en moitas outras palabras. O B etimolóxico segue o mesmo ronsel e tampouco se aplica estritamente e por iso temos: Barbeito < lat. Vervactu, Braña < lat. Veranea, Brear < lat. Verberare, Abano < lat. Vannu, Beliscar < lat. *Velliciare < Vellicare, Belida < lat. Velu, e outras máis, coincidindo casualmente –de novo- co castelán, cando a palabra é común a ambos os idiomas.

E por que se recuperaron unhas palabras, substituídas por castelanismos, e outras non?, quen decide cal si e cal non, e por que? Hai un criterio? Alemaña deixa de ser Alemania pero Francia non pasa a ser Franza; Ata ou Até substitúen a (H)astra pero Nen non substitúe a Nin; permítese o sufixo – bel xunto ao intruso –ble pero non se permiten –zón nin –són xunto aos casteláns –ción e –sión.

E por que se recuperaron como verbos da segunda conxugación, -non esquezamos que se usaban maioritariamente coa conxugación do castelán-: derreter, concorrer, diverxer, inverter, ocorrer, derreter, erguer e moitísimos máis; e non sucedeu o mesmo con: sofrer, perceber, reçeber, viver, dizer ou escrever?

Sabían que o verbo Haber se escribía como Aver, logo o portugués recuperou o H etimolóxico: Haver (e así o escribe tamén o catalán), pero nin o italiano nin o francés mudaron a forma medieval: avere e avoir; soamente o español incorporou o H e mais o B, e, xaora, o galego foi detrás.

Copio o seguinte texto do libro: Prosa galega, vol. 3: Da época trovadoresca ao neoclasicismo. Univ. de Santiago / Ed. Galaxia (1980). É un fragmento dos “Miragres de Santiago”, texto do s.XIV (represento o til nasal orixinal mediante o acento circunflexo):

A çidade de Côpostela esta ontre dous rrios os quaes hûu ha nome Saar et o outro Sarela. Saar esta côtra oriente ontre Môte Goyo et a çidade, et Sarela côtra ouçidente ontre Monte Pedroso et a çidade.

As entradas et as portas sô septe: a primeira entrada he a porta do Camino Frâçes, a segûda he a porta da Pena, et a terçeira he a porta do Santo Rromeu que vay para a Treydade, et a quarta a porta de Fageiras que vay para Padrô, et a quinta a porta da Mamoa, et a seista he a porta de San Françisco, et a septima he a porta de Maçarelas por u entra o preçioso vino aa çidade de Santiago.

A seguir traslado o texto ao galego moderno:

“A cidade de Compostela está entre dous ríos, dos cales un ten por nome Sar e o outro Sarela. O Sar está contra oriente entre o Monte do gozo e a cidade, e o Sarela contra occidente entre o Monte Pedroso e a cidade.

»As entradas e as portas son sete: a primeira entrada é a Porta do Camiño Francés; a segunda é a Porta da Pena; a terceira é a Porta do Santo Romeiro, que vai á Trindade; a cuarta, a Porta de Faxeira, que vai para Padrón; a quinta, a Porta da Mámoa; a sexta é a Porta de San Francisco; e a sétima é a Porta de Mazarelos por onde entra o precioso viño á cidade de Santiago.”

Parece evidente que as maiores diferenzas entre os dous textos están na ortografía e nesa parte do léxico en que o galego moderno coincide co castelán.

Coido que é recuperando as palabras orixinais, a fraseoloxía propia e os trazos morfosintácticos máis enxebres, onde o galego achará a súa verdadeira alma como lingua de seu.

5 comentarios:

  1. “Coido que é recuperando as palabras orixinais, a fraseoloxía propia e os trazos morfosintácticos máis enxebres, onde o galego achará a súa verdadeira alma como lingua de seu.“





    Esse pôde ter sido o caminho aquando se fez a normativização da língua. Porém, escolheu-se a via facil de admitir o castelanismo como algo próprio. Escolheu-se a orto-morfologia espanhola, moldada no castelám.





    Eu também propus esse caminho,( http://ogalegodeseu.blogspot.com/ ) mas quem está disposto a seguí-lo? Se até você, que fala dele aqui, continua a escrever (e suponho que a falar) segundo o modelo galego-castelám?

    ResponderEliminar
  2. A realidade de hoje é que debater sobre a questão da língua galega não adianta nada, e um blogue como este, ou como o que eu fiz, não serevm para nada. Hoje há dous modelos, o modelo “oficialista“, baseado na argalhada e no preconceito espanholista, que faz do galego um dialeto espanhol de facto, e o modelo reintegracionista, cada vez mais virado cara o padrão português (que até eu adopto). O primeiro serve para benefício duns pouquinhos (políticos, linguistas, ineteletuais), que mamam as subvenções ou jogam com ele como carta de ganho de votos ou desacreditação do adversârio. O segundo não consegue ligar como o povo galego, e para além disso tem um grande potencial de dessestabilização da geo-política peninsular.



    Ou se está num campo, ou no noutro. Esta é a triste realidade. O senhor escolha. O falar, claro, não tem cancelas, mas a escolha é uma ou outra.

    Escrever o galego como o espanhol é o resultado duma escolha.

    ResponderEliminar
  3. Non me gusta a actual normativa galega, non só por ser unha simple, e por veces patética copia do español, senón porque tampouco responde ás necesidades do idioma galego. Mais eu escribo nunha ortografía estabelecida e oficial. A época en cada cal escribía o galego como lle parecía acabou felizmente e, coido, que é evoluíndo a actual norma, é dicir, partindo da que hai, para posicións máis enxebres, como se pode chegar a un galego máis digno.

    ResponderEliminar
  4. Hoje nom há nenhuma norma “oficial“ do galego. Nem sequer do castelám. Existem várias propostas, mas em termos legais nom há norma oficial. A partir daí, ninguém lhe impede empregar qualquer das duas propostas reintegracionistas (normAGAL ou padrão português). Eu mesmo tenho empregado o padrão português num documento notarial em ... Madrid. Nom só foi aceite, mas ainda como galego.



    Em qualquer caso, empregar a norma “oficialista“, é colaborar coa desfeita do galego.

    ResponderEliminar
  5. Ben, esta normativa pode non ser a mellor (de feito, pode que sexa a peor) pero é a que moitos aprendimos na escola. É a normativa que a maior parte dos galegofalantes coñecemos.
    Nestes tempos nos que, coido que máis ca nunca, o galego necesita o apoio da xente (xa que dende os gobernos non chegan nada máis que trabas) precisamos un idioma normativizado. E pouco ou nada axuda que existan unha chea de variantes. Se non existe un acordo co idioma, se non existe unha norma oficial plenamente aceptada... así é normal que a xente deixe de falar galego.
    Penso eu, que non teño nin idea do asunto...

    ResponderEliminar