viernes, 30 de septiembre de 2011

XENTILICIOS GALEGOS

Botando unha ollada a unha lista de xentilicios decateime da enorme variedade de sufixos que había na lista dos xentilicios estranxeiros e da relativamente breve variedade na lista dos xentilicios galegos. Na realidade unha listaxe de xentilicios galegos soamente ten sete sufixos posíbeis (coa variación de xénero e número pertinente): -á/-an/-áo; -és/-esa; -ina/-ino; -eira/-eiro/ -ega/-ego; -eña/-eño; e –ense. Así temos: ferrolá, arzuán, arnoiao, baionés, coruñesa, begontina, monfortino, betanceira, rianxeiro, cervantega, galego, cesureña, veigueño ou becerreense. Mais face a esta relativamente pouco extensa listaxe temos unha moito máis ampla de sufixos nos xentilicios foráneos: austríaca, normanda, italiano, lombarda, kosovar, bávara, croata, escandinava, africáner, algarvía, exipcia, ático, malabar, belga, kuwaití, caldoxe, bohemia, flamengo, saxón, chipriota, manchú, lígur, ruso, …; con inclusive algúns tan sumamente exóticos como: támil, kanaka, maubere ou khmer, que casan mal ou moi mal co galego.

Ben, a explicación de tan profusa lista é que ningún deles é realmente galego, é dicir, que ningún foi xerado polos falantes galegos como si ocorreu nos casos dos xentilicios de poboacións galegas: todos son empréstimos, ben do castelán ou a través del, na súa maioría, ben do portugués en moitas menos ocasións. Os lexicógrafos galegos renunciaron, máis unha vez, a crearen palabras galegas partindo da propia lingua galega e conformáronse con copiar: “total, uns centos de castelanismos máis tampouco se van notar demasiado”, debeu de ser o pensamento que os guiou. Se ben é certo que moitos poden estar plenamente xustificados pola súa orixe latina: romano < lat. romanu, español < lat. med. hispaniolu, lígur < lat. ligure, belga < lat. belga, dalmata < lat. dalmata, bretón < lat. brittone, etc.; non deixa de ser penoso como a RAG –algún día alguén terá de explicar para que serve- ou o ILG renunciaron a crearen xentilicios propios, ao menos de xeito sistemático, baseándose na sufixación tradicional galega, como si o fixeron outras linguas próximas: por exemplo o catalán ten afganesa no canto de afgá (galego), afegã (portugués), afgana (castelán e italiano) ou afghan (francés e inglés); e o portugués usa cazaquistanês, quirguistanês, paquistanês, tajiquistanês, turcomeno e usbequistanês, onde as diversas propostas galegas, xa que para variar hai varias, son cazaco, kazako ou kazakho, kirguiz ou quirguiz, paquistaní, tádxico ou táxico, turcomán ou turkmeno, e usbeco ou uzbeco; ou o italiano adaptou o galicismo malgache como malgascio.

Porén, tamén é certo que ao cabo só somos o final dunha cadea de imitadores: “moscovita” vén do castelán (tamén o usa o portugués), que o copiou do francés moscovite; “malgaxe” vén do portugués, que o copiou do francés malgache; “manchú”, que o castelán tomou do francés mandchou ou do inglés manchu, mais nótese que o portugués manchu se pronuncia “manxú”, que o catalán adaptou a palabra como manxú e o italiano como manciù; “croata”, do francés croate a través do castelán, mais o xentilicio adaptouse con xénero en catalán (croat) e en italiano (croato); en fin, que mesmo cando se toman empréstimos sempre se poden adaptar para que sexan máis propios.

Que xustificación pode ter a inconsecuencia de usarmos xentilicios como: marroquí, iraquí, kuwaití, bengalí, iemení ou ceutí; cando outros con igual ou parecida sufixación orixinal se adaptaron, ende ben, como: lemosino, alacantino, mallorquino, menorquino, alxerino, damasquino ou nixerino (de Níxer)?

Cal é a lóxica que crea “londiniense” (o español londinense non debía andar moi lonxe) no canto de recorrer ao portugués londrino –por sorte non inventaron “zagrebiense” nin “estocolmiense”, ou si?- e ao mesmo tempo propón, co bo criterio: nicaraguano, varsoviano, cracoviano, montrealés ou tiranés (de Tirana)?

A normativa impón como únicas formas xenuinamente galegas “xudeu/xudía” (< lat. iudaeu), mais no resto de xentilicios de igual sufixación latina impón as formas españolas: arameo/aramea (< lat. aramaeu), europeo/europea (< lat. europaeu) ou hebreo/hebrea (< lat. hebraeu), nótese como o portugués usa: judeu/judia, arameu/arameia, europeu/europeia e hebreu/hebreia.

O lóxico é que os xentilicios se diferencien do topónimo do que proceden, por isto recorreuse ao portugués e adoptáronse “norueguesa” de Noruega ou “chinesa” da China en vez dos castelanismos anteriores: noruega e china; mais por que non se fixo o mesmo con outros xentilicios en igual situación -se cadra por teimas dos nosos lexicógrafos, que todos temos as nosas-: unha eritrea de Eritrea, unhas filipinas das Filipinas, unha libia de Libia ou unha siria de Siria.

E por último, a cordialidade autonómica fixo que os nosos lexicógrafos recorresen aos xentilicios orixinais das linguas españolas e creasen perlas como: castellonenco, eivisenco, terrasenco, sabadellenco, biarriztarra, bilbotarra, irundarra, …; claro que ao mesmo tempo mantiveron clásicos como: arabés (de Áraba), eibarrés, ilerdense, irunés, bilbaíno, xerundense, tarraconense, etc.; nunha nova demostración de incongruencia.

Por todo o exposto parece pouco dubidoso que o conxunto de xentilicios galegos foráneos precisa unha sistematización seria, tendo como base a sufixación xentilicia galega tradicional, na medida do posíbel, e a correspondencia coas demais linguas irmás, non só co castelán, e en especial co portugués.

As obras consultadas para o presente artigo foron principalmente: o Gran Dicionario Século 21 de Lingua Galega, o Dicionario Galaxia de Usos e Dificultades da Lingua Galega, o Dicionário da Língua Portuguesa e o Dicionário de Espanhol-Português, ambos de Porto Editora, e o Gran Dicionario Xerais da Lingua, así como Internet en xeral.

No hay comentarios:

Publicar un comentario