O dicionario
da RAG recolle unha manchea de sinónimos da preposición AGÁS, unhas tratadas como iguais: BARDANTE,
CATAR, EXCEPTO, FÓRA,
MENOS, QUITADO, QUITANDO
e SALVANTE; e outras que remiten a ela como
forma principal: AGA, SACADO,
SACANDO, SALVO e TIRANTE.
Todas equivalentes ás locucións preposicionais: A EXCEPCIÓN DE e CON EXCEPCIÓN
DE. E todos, preposicións e locucións, co significado de “excluír o concepto
que se expresa na frase”.
Comparando as súas correspondencias
cos idiomas máis próximos, non semella que o resto de linguas da nosa área goce
dunha riqueza sinonímica coma a nosa.
Así en portugués EXCETO e os seus
sinónimos AFORA, MENOS, SALVANTE, SALVO, TIRANTE e SENÃO e a locución
preposicional A EXCEPÇÃO DE.
En castelá EXCEPTO e os seus
sinónimos MENOS, SALVO e EXCEPTUADO/EXCEPTUANDO e mailas locucións preposicionais:
APARTE DE, A EXCEPCIÓN DE, CON LA EXCEPCIÓN DE e FUERA DE.
En aragonés ESZEUTO xunto a locución
FUERAS DE.
En catalán EXCEPTE e os seus
sinónimos FÓRA DE, LLEVAT (DE), MENYS, TRET (DE) e maila locución preposicional
A EXCEPCIÓ DE.
En occitano EXCEPTAT e os sinónimos e
locucións FÒRA, FRANC, LEVAT (DE), PART e A PART DE e SONQUE (aranés).
En italiano ECCETTO e os seus
sinónimos ESCLUSO, SALVO e TRANNE e mailas locucións ALL’INFUORI DI e FATTA
ECCEZIONE PER.
En francés EXCEPTÉ e os seus
sinónimos FORS, HORMIS e SAUF e a locución À L’EXCEPTION DE.
E en inglés EXCEPT (FOR) e os seus
sinónimos APART FROM e SAVE (FOR) e a locución, moi formal, WITH THE EXCEPTION
OF.
Mais non en asturiano, que ten
MENOS, SACANTES(S) e QUITANTE.
Nin en mirandés, que usa SALBO e
TIRANTE.
Porén, como se pode comprobar en case
tódalas linguas a palabra principal é a descendente do latín EXCEPTUM. Cousa
que non ocorre na nosa lingua, ou non debería, dada a gran variedade de
sinónimos que posúe. O actual uso excesivo de “excepto”, e en menor medida de
“menos” e “salvo” e as locucións “a excepción de” e “con excepción de”, non é
máis que unha nova mostra da inxente castelanización léxica do galego
contemporáneo, pois o seu éxito só se debe a coincidir coas formas castelás, xa
que logo evitémolo botando man de tódalas nosas exclusivas formas patrimoniais.
Ex.:
Todos estaban de acordo bardante dalgúns/bardante
algúns; prohibido o estacionamento catar os vehículos oficiais; críano
todos agás/aga ti; trouxen os libros todos tirante os
teus; sacado/sacando tres, os demais aprobaron; son morenos salvante
o pequeno que é louro; fóra o teu texto lin todo; viven na Cruña quitado/quitando
o máis vello.
No hay comentarios:
Publicar un comentario