sábado, 2 de abril de 2016

Nomes galegos dos mamíferos 4

ROEDORES E LAGOMORFOS

                Antano considerados dentro dunha mesma orde: a dos Roedores, hoxe os Lagomorfos constitúen unha orde propia. Con todo, aquí trataremos ambas as ordes.

ROEDORES

                Son a orde de mamíferos con maior número de especies, e mesmo de individuos. Só catro familias teñen representantes en Galiza e algunhas máis no resto de Europa.

Esciúridos:

Esta familia compóñena os esquíos, tanto arborícolas coma terrestres, e as marmotas. Mais en Galiza soamente temos un esciúrido: o esquío común (Sciurus vulgaris), que ten unha gran distribución eurasiática, dende Irlanda e a Península Ibérica até Corea e o norte do Xapón. A SGHN (Sociedade Galega de Historia Natural) denominouno esquivo, forma propia do leste de Lugo, na súa lista patrón de 1980; mentres que a GMG (Guía dos Mamíferos de Galicia, 2007) corrixe a forma por “esquío”, que é a estándar escolleita polo dRAG. Mais á parte destas dúas formas hai algunhas máis en galego: esquilo (que coincide coa forma estándar portuguesa), esguiro/esguiriño, esquiriño, e mesmo arda e ardela –tomadas dalgúns dicionarios antigos– que enlazan co nome castelán: ardilla. Este crese que provén dunha palabra prerromana, quizais relacionada co bérber “agarda” (rato campestre), que se rexistra durante a Idade Media: “(h)arda”, á que se engade o diminutivo “–illa” no s. XVI: “ardilla”, forma finalmente triunfante, aínda que a forma antiga pervive como dialectal. Pola contra, as formas maioritarias galegas proceden directamente do latín: lat. clas. sciurus> lat. vulg. scurius> dim. scuriolus> gal. esquilo>esquío. Tamén a maioría dos nomes romances descenden do latín: esquilo-vermelho (portugués), esguil(u) (asturiano), esquiruel(l)o (aragonés), esquirol comú/vermell (catalán), esquiròl ros (occitano; var: esquiròu, eschiròl, eschiróu), écureuil d’Eurasie/roux (francés), scoiattolo comune (italiano; < dim. lat. scuriatulus), schërieul comun (piemontés), schirato/sghirato (véneto), sghirate (friuliano) e mesmo red squirrel (inglés; < anglonormando. esquirel< fra. ant. escurel) pero ferret (escocés); mais: ardilla roja/común (castelán), vinvèra (lígur), veverita roscata (romanés) eververa (arumano). A denominación de esquío vermello, tamén moi usada, parece pouco acertada dado que a coloración deste roedor vai do roxo ao pardo escuro, sendo esta última cor a que máis predomina na nosa terra.

Porén amais do único que mora en Galiza, hai outros esciúridos vivindo no resto de Europa:

O esquío voador siberiano (Pteromys volans), roedor que, malia o seu nome, plana, e non voa, de árbore a árbore e que habita dende Finlandia, Letonia e o norte de Rusia até Corea e o norte do Xapón. O súa denominación é internacional: ardilla voladora siberiana (castelán), esquirol volador siberià (catalán), polatouche de Siberie ou écureuil volant (francés), scoiattolo volante siberiano (italiano) esiberian flying squirrel (inglés).

Os dous descoñecidos –para nós– esciúridos de terra, dado que fan os seus tobos e procuran o alimento sempre no chan, do noso continente: o esquío terrestre europeu (Spermophilus citellus), morador do leste de Europa: dende Austria e Chequia até o oeste de Ucraína e os Balcáns orientais; e denominado noutros idiomas como: suslik europeo (castelán), suslic europeu (catalán), esquilo-terrestre (portugués), spermophile/souslik d’Europe (francés), citello ou scoiattolo di terra europeo (italiano) e european ground squirrel ou european souslik (inglés). E o esquío terrestre pinto (Spermophilus suslicus), que se atopa máis ao leste ca o anterior: dende Polonia, Ucraína e Moldavia até o ruso río Volga; e que se chama nas demais linguas: suslik moteado/manchado ou ardilla terrestre/de tierra manchada/moteada(castelán), suslic tacat europeu (catalán), spermophile/souslik tacheté ou écureuil terrestre (francés) e speckled ground squirrel ou spotted souslik (inglés). Aínda que adoptar o empréstimo eslavo: “suslik/souslik”, como fan moitos idiomas, sería unha solución lexítima, coido que optar por unha denominación descritiva –tamén moi utilizada– é moito máis lóxico na nosa lingua, pois amosa nidiamente que tipo de animal é.

As dúas especies de marmotas que habitan en Europa: a marmota alpina (Marmota marmota), que sobreviviu á extinción nos Alpes e montes Tatra e hoxe ademais habita, introducida, outras moitas cadeas montañosas como os Pireneos, os Cárpatos, os Apeninos setentrionais ou o Macizo Central francés. A súa denominación é xeral en todas as linguas: marmota alpina (castelán, catalán e romanés), marmotte des Alpes (francés), marmotta alpina/delle Alpi (italiano), alpine marmot (inglés), alpenmarmot (neerlandés) ou alpenmurmeltier (alemán). E a marmota bobac (Marmota bobak), que mora na estepa dende o leste de Ucraína até a maior parte de Cazaquistán. “Bobak/bobaik” é a súa denominación eslava e a que dá nome á especie, por iso é a máis usada en todos os idiomas: marmota bobak/bobac/de las estepas (castelán), marmota bobac (catalán), marmotte bobak/des steppes (francés), bobak (italiano), bobac ou marmota de stepa (romanés), bobak marmot (inglés) e steppenmurmeltier (alemán). Na wikipedia galega aparece como “marmota bobak” ou “marmota das estepas” –seguindo o exemplo do castelán–, mais coido que é máis correcto usar o seu nome de especie adaptándoo á nosa ortografía, coma se fai con outras moitas especies.

E algúns que se introduciron en Europa, como o esquío gris (Sciurus carolinensis). Especie que desprazou o esquío autóctone de gran parte de Inglaterra e que tamén se introduciu en Irlanda e zonas do norte de Italia. As súas denominacións fan referencia maioritariamente á súa cor cincenta, característica nidiamente diferente da cor entre roxa e parda escura do “esquío común”: ardilla de las Carolinas/gris oriental (castelán), esquilo-cinzento (portugués), esquirol gris (catalán), scoiattolo grigio (nord-americano) (italiano), écureuil gris (francés), eastern grey squirrel (inglés) e gray ferret (escocés).

E o esquío terrestre de Siberia (Eutamias sibiricus), sciúrido propio do norte de Asia, dende o centro de Rusia até Corea e o norte do Xapón, coloniza parques urbanos e bosques suburbanos de moitos países europeus: Franza, Suíza, Italia, alemaña, Austria, Países Baixos ou Bélxica, como consecuencia de soltas destes animais importados como mascotas. Nun inicio este esquío estaba incluído no xénero tamias, mais logo fíxose un xénero diferente para esta única especie. Todas as súas denominacións fan referencia á súa orixe asiática: ardilla de Siberia/coreana (castelán), esquilo-da-Sibéria ou esquilo-siberiano (portugués), squirol llistat de Sibèria (catalán), tamia de Siberie ou écureuil de Corée (francés), scoiattolo giaponesse ou tamia siberiana (italiano) e siberian/common chipmunk (inglés).

Glíridos:

O dRAG recolle dúas formas para denominar estes roedores en galego: leirón e lirio, ambas en igualdade de preferencia; aínda que hai algunhas máis: liria, lirón, leiranco, liranco ou lirango. E mesmo formas compostas con “rato” como: rato leirón e rato monteiro/montés –esta última tamén se emprega para denominar, máis correctamente, o “rato de campo”–  claramente rexeitábeis polo lóxico motivo de non seren múridos. Porén as guías de mamíferos prefiren a primeira forma, quizais por case coincidir coa portuguesa: leirão (< lat. glirionis: aumentativo de glis), que ten como sinónimo a forma: arganaz, de orixe descoñecida. No noso país moran dúas especies:

O leirón careto (Eliomys quercinus). Aínda que o dRAG define o adxectivo “careto”: “coa cara branca e o resto da cabeza escuro”, xusto o contrario desta especie; por extensión pódese referir a calquera animal “que pareza que leva unha careta”, como é o caso. Este glírido distribúese por Europa occidental, agás as Illas Británicas e a Península Escandinava, e zonas dispersas de Europa oriental e Rusia; e os nomes que recibe son: lirón careto/común (castelán), ratu durmidor/caretu (asturiano), mincharra roya, rata careta/faixada/dormidera (aragonés), rata cellarda (catalán), leirão(-dos-pomares) ou rato-dos-pomares/da-serra (portugués), (topo) quercino (italiano), topu mascaratu (corso), lérot (commun) ou loir lérot/des greniers ou rat-bayard (francés), lûte des toets (valón) e garden dormouse (inglés).

E o leirón rilón (Glis glis), forma proposta pola SGHN e confirmada pola GMG, que ten o defecto de ser unha redundancia, dado que rilón (forma usada no Courel) é unha metátese de lirón. A miña proposta é seguir a denominación máis usual das demais linguas: lirón gris (castelán), llirón gris ou ratu ablaneru (asturiano), mincharra blanca (aragonés), liró gris ou rata dormidora grisa (catalán), arganaz/lirão-cinzento (portugués), ghiro (italiano), ghjira (corso), loir gris (francés), sodoirmant ordinaire (valón), pârs (romanés) e edible/fat dormouse (inglés); é dicir: leirón gris/cincento, pois a súa cor é a diferenza máis rechamante fronte aos demais lirios europeus. Tamén aparece citada esta especie como leirón rabudo, aínda que o seu rabo non pareza máis longo ca o do “leirón careto”, e rato papalbo (Atlas de Vertebrados de Galicia, SGHN, 1995), nome popular pouco recomendábel  por razóns obvias. Este glírido vive en Europa continental, bardante o norte, desde o norte ibérico até o norte de Irán, e foi introducido no centro de Inglaterra.

Ademais destes dous lirios hai tres glíridos máis en Europa:

O leirón castaño (Muscardinus avellanarius). Especie europea, o máis pequeno dos lirios,  que falta na Península Ibérica, nas illas do Mediterráneo agás Sicilia, no norte de Gran Bretaña, e na maior parte de Escandinavia e no norte europeu alén de Letonia. As súas denominacións noutras linguas son: lirón enano ou muscardino común (castelán), rata dormidora rogenca (catalán), arganaz-castanho (portugués), muscardin (francés), moscardino e nocciolino (italiano), hazel/common dormouse (inglés), sorg mëscatiegl (napolitano) e ecrake-noejhe (valón). A súa cor entre castaña e roxa é o su trazo máis rechamante face aos demais leiróns.

O leirón rabipelado (Myomus roachi). Endemismo do SE de Bulgaria e Turquía europea, denominado: lirón colipelado (castelán), rata dormidora de cua pelada (catalán), loir myomine (francés), mouse tailed dormouse (inglés) emausschläfer (alemán, “leirón rato”). Sen dúbida ningunha é o rabo pelado, coma o dos múridos, a característica principal desta especie máis terrestre ca arbórea.

E o leirón balcánico (Dryomys nitedula). Denominado como: muscardino balcánico (castelán), rata dormidora dels Balcans (catalán), arganaz-balcânico (portugués), lérotin (francés),driomio (italiano) eforest dormouse (inglés); é unha especie propia do leste de Europa, dende Austria e NE de Italia, o sur de Polonia e Grecia cara aos bosques de Ucraína e Rusia. Semella unha copia reducida do leirón careto, con orellas máis curtas e rabo máis peludo, por isto o francés chámalle: “leironciño careto”.

Múridos:

Esta familia está composta soamente polos verdadeiros ratos e ratas. Os pequenos múridos reciben varios nomes populares: rato –con diferenza o máis usado–, fura e furelo para os caseiros (xénero Mus); e rato do campo/montés e furaño (este último tamén usado para a “musaraña”) para os campestres (xénero Apodemus). En Galiza habitan as seguintes especies:

Rato caseiro (Mus musculus), así denominado correctamente na GMG. Seica sexa o mamífero máis estendido do planeta, bardante o home, e o que teña meirande número de individuos; en Europa pode ocupar calquera espazo habitado polo home, ou preto del. Denominacións noutros idiomas: ratón casero/doméstico/común (castelán), mure caseru/domésticu/común (asturiano), rato-caseiro/-doméstico (portugués europeu) ou camundongo (brasileiro), ratolí comú/domèstic/de casa (catalán) ou rat furet (rosellonés), mirga/murga d’ostal ou rata/ratuga ou fura/fureta ou soritz (occitano), souris grise/domestique/commune (francés), sori (valón), topo(lino) comune/domestico (italiano), tuparellu (corso), sòrighe ou topi (sardo), murigiö de cà ou rat ou sorèc (lombardo), giari/giare (piemontés), sórag dumèstic (romañol), sorz (véneto), surice (napolitano), soarece de casa (romanés), soaricu di casâ (aromano) e house mouse (inglés).

Rato mouro (Mus spretus) na GMG, nunha má adaptación do seu nome castelán, dado que a primeira acepción do adxectivo “mouro” é “escuro” e este rato ten unha cor tirando a castaña roxiza, polo que sería mellor copiar o segundo nome portugués –que xa aparecía no Atlas de Vertebrados de Galicia (SGHN, 1995): “ratiño roibo”– e chamarlle: rato roibo/rubio. É un endemismo do Magrebe, a Península Ibérica e a costa mediterránea francesa, que en Galiza só mora en Ourense e o sur de Lugo. Denominacións noutras linguas: ratón moruno (castelán), rato-das-hortas ou ratinho-ruivo (portugués), souris d’Afrique du Nord/à queue courte (francés), topo del Mediterraneo occidentale (italiano) e algerian/western mediterranean mouse (inglés).

Rato do campo (Apodemus sylvaticus) na GMG. Vive na maior parte de Europa, até Lituania, Bielorrusia e Ucraína polo leste e o sur de Escandinavia polo norte, tamén mora na costa setentrional do Magrebe. Ás veces denominado tamén como: rato montés, recibe noutras linguas as denominacións de: ratón de campo (castelán), mure de campu ou ratu montesín (asturiano), rato-dos-bosques ou ratinho-do-campo (portugués), ratolí de bosc/rostoll (catalán) ou rat campestre (en rosellonés), mulot sylvestre/ordinaire/gris ou souris de terre/sylvestre/des bois ou rat-mulot ou rat sauteur (francés), topo selvatico (italiano), topu campagnolu (corso) e wood/field mouse (inglés).

Rato da fraga (Apodemus flavicollis) na GMG. Especie europea fóra das zonas meridionais da Península Ibérica e illas do Mediterráneo e o extremo setentrional do continente, que tamén habita a beiramar da Asia mediterránea. Noutros idiomas recibe as denominacións de: ratón leonado (castelán), mure leonáu (asturiano), ratolí de coll groc (catalán), mulot à collier (roux)/fauve (francés), topo selvatico a/dal collo giallo (italiano) e yellow-necked mouse (inglés). O Atlas dos Vertebrados de Galicia (SGHN, 1995) daba como segundo nome o de: “rato de colar”, moito máis distintivo da especie e usado polas demais linguas, pois na nosa terra é propio das fragas das montañas orientais e non simplemente das fragas.

Á parte destas catro especies que moran en Galiza hai oito máis no resto do continente:

Ratiño miúdo (Micromys minutus)para a SGHN, por ser o rato máis pequeno de Europa, pero non recollido na GMG por non habitar Galiza. Especie paleártica dende Inglaterra até Xapón, en España está presente dende o norte de Navarra até o leste de Asturias. As denominacións noutras linguas recollen a súa querenza polas gramíneas, onde adoita facer os seus niños: ratón espiguero (castelán), ratín (asturiano), ratolí de les collites (catalán), rat/souris  des moissons  (francés), topolino delle risaie (italiano) e harvest mouse (inglés). Se cadra o galego debería facer igual: rato das colleitas.

Rato listado (Apodemus agrarius). Especie distribuída dende Europa oriental até o Pacífico asiático, e aquí dende Corea a Taiwán; cuxa característica principal é a lista negra que percorre o seu lombo dende a cabeza ao rabo, e que por isto recibe os nomes de: ratón listado (castelán), ratolí de camp (catalán), mulot rayé ou souris rayée (francés),topo selvatico a dorso striato (italiano) e striped field mouse (inglés).

Rato rupestre (Apodemus mystacinus). Especie dos Balcáns e Oriente Próximo, que habita nas zonas de montaña rochosas con escasa vexetación herbácea; denominada: ratón balcánico (castelán), ratolí de camp de bigotis (catalán), mulot rupestre (francés), topo selvatico rupestre (italiano) e rock mouse ou broad-toothed field mouse (inglés).

Rato alpino (Apodemus alpicola). Endemismo dos Alpes, denominado xustamente: ratón alpino (castelán),topo selvatico alpino (italiano) e alpine field mouse (inglés).

Rato pigmeu (Apodemus uralensis < antes: A. microps). Propio do centro e leste de Europa até o centro de Asia, recibe os nomes de: ratón de campo enano (castelán), ratolí de camp petit (catalán), mulot pygmé (francés) e pygmy/Ural field mouse (inglés); por ser a especie máis pequena do seu xénero.

Rato espiñento de Creta (Acomys minous). Endemismo desta illa, cuxo nome o define perfeitamente e que é o mesmo en todas as linguas: ratón espinoso de Creta (castelán), ratolí espinós de Creta (catalán), rat épineux de Crète (francés) e cretan spiny mouse (inglés).

Rato estepario (Mus spicilegus). Habitante das chairas e estepas dende Austria e Chequia até Ucraína ao leste e a Península Balcánica ao sur, denominado: ratón estepario (castelán), souris des steppes (francés) e steppe mouse (inglés).

Rato macedónico (Mus macedonicus). Endemismo de Macedonia e Bulgaria e algunhas zonas illadas do Oriente Próximo, chamado: souris de Macédoine (francés) e topo macedone (italiano).

E os múridos meirandes basicamente teñen dous nomes xerais: rata e lirio, conforme recolle o dRAG; sendo o segundo moito menos usual e compartido con leiróns e lurias. Hai dúas especies en Galiza e no resto do continente, e ambas viñeron de Asia en tempos históricos e acompañando o home: primeiro Rattus rattus cara ao s.VIII e despois Rattus norvegicus a partir do s.XVI; e ambas as especies teñen hoxe unha distribución case mundial, fóra da Antártida e o extremo ártico, mercé á expansión europea. As principais diferenzas físicas entre as dúas parentes é a maior longura de orellas e rabo –que sempre sobrepasa a lonxitude do resto do seu corpo– en Rattus rattus contra o maior tamaño e corpulencia en Rattus norvegicus, alén de que a cor desta vai do pardo ao gris e o daquela do negro ao gris escuro. Mais tamén existe unha diferenza de hábitat dado que a primeira prefire o meio rural e as partes altas das casas, polo que tamén recibe o nome de “rata de tellado”, e a segunda o meio urbano e as partes máis inferiores e húmidas das casas e vilas, polo que tamén se lle denomina “rata de sumidoiro”. Aínda que a palabra “rata” é de orixe descoñecida, ela e os seus derivados están moi estendidos: rat (francés e inglés), rata (castelán, galego e catalán), ratte (alemán), rato (portugués e galego), ratto (italiano), ratazana (portugués), ratolí (catalán), ratón (castelán) ou arratoi (basco). Con todo, mentres que as palabras “rata” e “ratón” se documentan en castelán dende o s.XIII, nin “rata” nin “rato” aparecen en textos medievais  galegos pero si “mur” (pl.mures), que tamén aparece en castelán para ir decaendo co paso do tempo até o seu estado actual de desuso en castelán e de desaparición en galego, que non obstante ten derivados seus ben vivos: murar, murador, muraño e mureira.

A SGHN denomina rata do campo a Rattus rattus, e a GMG: rata cincenta; mentres que na Wikipedia galega é rata negra, que é o nome máis usual na maioría das demais linguas: rata negra/de barco/de tejado (castelán), ratazana-preta ou rato-preto/-de-telhado (portugués), rata negra/de camp/traginera (catalán), aguarón negru/de teyáu/común/de barcu (asturiano), rat noir/des greniers/des champs (francés), ratto nero/dei tetti/comune (italiano), black/ship/roof/house rat (inglés) e hausratte ou dachratte (alemán). Calquera das tres é aceptábel (rata negra/do campo/de tellado), mais a de “rata cincenta” é confusa pois tan gris pode ser a “rata de tellado” coma a “rata de sumidoiro”. Esta especie é menos abundante no norte de Europa ca no sur e en contacto con Rattus norvegicus sempre é desprazada por esta última.

Rata común é o nome dado pola SGHN e asumido pola GMG para Rattus norvegicus por ser a especie máis habitual no mundo urbano –practicamente habita calquera poboación humana–, porén no mundo rural é máis común a especie anterior ca esta, polo que sería mellor unha denominación máis característica da especie, como a de rata parda, recollida por case todas as linguas xunto a outras: rata parda/gris/de alcantarilla (castelán), ratazana-castanha/-de-água ou rato-marrom/-castanho (portugués), rata comuna/de claveguera (catalán), aguarón gris/pardu/d’alcantariella (asturiano), rat brun/d’égout/gris ou surmulot (francés), ratto norvegese/marrone/grigio/delle chiaviche ou surmolotto ou pantegana (italiano), brown/common/street/sewer rat (inglés) e wanderratte (alemán).

Arvicólidos:

É a familia duns pequenos roedores, moitas veces incorrectamente denominados “ratos” ou “ratas” polo seu parecido con estes. As especies máis pequenas (xéneros Microtus, Myodes e Chionomys) reciben denominacións populares como: corta (recollido no dRAG e dXerais, entre outros, e usado na provincia da Coruña principalmente), ratiño pataqueiro (en Caaveiro, norte da Coruña), rato cego (forma usada tamén en portugués) e trilladeira (no Courel, derivado do v. trillar = rillar, e termo non recollido nos dicionarios). Descartadas as formas con “rato”, dado que estes roedores, malia o seu parecido, non son ”verdadeiros ratos”, soamente restan as outras dúas –que son as usadas até agora nas listas patrón feitas–, mais que presentan cadanseu defecto: “trilladeira”, a súa reducida área de uso; e “corta”, que tamén se utiliza para denominar outros animais: traza, caruncho ou couza; grilo ceboleiro, cortón ou ralo; e muraño ou musaraña. Con todo, dou preferencia a “corta” por ser a única que recollen os dicionarios, mais ambas as palabras son sinónimas e así se deben usar. Fronte ao portugués que usa tamén “rato” para estas especies, coma o alemán (“maus”) ou o basco (“lursagu” = rato terrestre), o castelán prefire derivados como: “topillo”e “ratilla”, aínda que este segundo menos usado,–curiosamente non recollidos polo dicionario da RAE, que só inclúe o galicismo “campañol” de nulo uso na lingua– ao igual ca o catalán “talpó” (< talp: “toupa”) –que tamén coñece os nomes de: “rata de séquia/de marjal” (=rata de rego/de marisma)– e o asturiano “topín” (< topu), xurdidos polas toupeiras que tamén fan estes roedores; mentres que outras linguas obtan por termos específicos: “vole” (inglés), “campagnol” (francés, < italiano: campagnolo “campesiño”), “arvicola” (italiano, que tamén usa ás veces formas derivadas: “topo talpino” e “topo campagnolo”) e “corta” ou “trilladeira” (galego). Na nosa terra habitan seis especies:

Corta dos prados (Microtus agrestis) na SGHN ou trilladeira dos prados na GMG, é unha especie propia da Europa máis húmida, dende Gran Bretaña, o norte ibérico e Escandinavia até o centro de Siberia, evitando as beiras do Mediterráneo e os Balcáns, sendo abondosa en toda Galiza. Dado que é a abundancia de herba alta o seu hábitat característico sería mellor chamarlle: corta dos pasteiros, para a non confundir co Microtus lusitanicus, nome que xa aparecía como segunda opción: trilladeira dos pastos, no Atlas de Vertebrados de Galicia (SGHN, 1995). Recibe as denominacións noutros idiomas de: topillo/ratilla agreste (castelán), topín montesín/montascosu (asturiano), rato-do-campo-de-cauda-curtaou ratinho-dos-pastos(portugués), talpó muntanyenc/agrest (catalán), campagnol agreste (francés), arvicola/campagnolo agreste (italiano), field/short-tailed vole (inglés) e erdmaus (alemán).

Corta do campo (Microtus arvalis) para a SGHN e trilladeira pataqueira para a GMG.Especie escasa en Galiza (S de Ourense) que se estende pola Europa menos mediterránea e menos nórdica até o centro de Siberia e que mora na metade setentrional ibérica evitando o occidente. É máis característica dos campos cultivados e clareiros boscosos, como recollen as denominacións noutras linguas: topillo campesino/de campo ou ratilla campesina(castelán), topín llabrador (asturiano), rato-do-campo-comum/-silvestre/-camponês (portugués), talpó camperol/dels prats (catalán), campagnol des champs/commun/vulgaire (francés), topo campagnolo comune ou arvicola campestre (italiano), common vole (inglés) e feldmaus (alemán).

Trilladeira dos campos (Microtus lusitanicus) na SGHN e corta dos prados na GMG, para este endemismo ibérico do cuadrante NW chegando polo leste até a Gascuña meriodional, o norte de Navarra e o Sistema Central polo sur; moi abundante na nosa terra e que mora preferentemente en prados non asolagados.Chamado noutras linguas: topillo lusitano (castelán), topín/ratupataterue ratín de prau(asturiano), rato-cego ou rato-dos-prados-lusitânico (portugués) e lusitanian pine vole (inglés).

Trilladeira rabela (Microtus duodecimostatus < antes: Pitymys d.) para a SGHN e trilladeira mediterránea para a GMG. Suxiro corta mediterránea, para esta especie endémica da Península Ibérica e o SE de Franza con escasa presenza en Galiza (sur de Ourense), conforme ás denominacións maioritaria nas demais linguas: topillo mediterráneo/común (castelán), topín mediterráneu (asturiano), rato-cego-mediterrânico ou rato-dos-prados-mediterrânico (portugués), talpó comú (catalán), campagnol provençal (francés), mediterranean pine vole (inglés) e mittelmeer-kleinwühlmaus (alemán).

Corta rubia (Myodes glareolus), nome proposto pola SGHN e asumido pola GMG para esta especie europea que se estende até o centro de Siberia, mais que non habita as beiras do Mediterráneo nin a maior parte de Iberia, agás unha franxa setentrional que chega en Galiza só aos bosques das serras orientais cantábricas.Ten denominacións parecidas noutras linguas: topillo rojo (castelán), topín roxu/colloráu (asturiano), talpó roig (catalán), campagnol roussâtre/des bois/des grèves/des sables/du Nord (francés), arvicola rossastra/dei boschi (italiano) e bank vole (inglés).

Corta nival (Chionomys nivalis) para a SGHN ou trilladeira nival na GMG.Especie propia dos sistemas montañosos de Europa meridional e de Oriente Próximo, querecibe nomes parecidos nos demais idiomas:Topillo/ratilla nival (castelán), topín nivalou neverón (asturiano), rato-das-neves (portugués), talpó de tartera/de les neus (1º = corta de pedral, catalán), campagnol des neiges (francés), arvicola delle nevi (italiano), european snow vole (inglés) e schneemaus (alemán).

Para as especies maiores (xénero Arvicola, con tres especies actualmente onde outrora só se recoñecía unha: Arvicola terrestris) hai dous nomes utilizados nas listas patróns: luria (SGHN) e rata de auga (GMG). E ambas presentan cadanseu defecto: luria, claramente relacionada cos seus sinónimos lirio e leirón; e rata de auga, que estigmatiza estes arvicólidos cun nome que realmente non lles pertence: rata. Tamén reciben outros nomes: rato de auga/do muíño (malia que o seu tamaño é máis de “rata” ca de “rato”), rata aguadeira, rata de río, aguadana, aguaneira, aguana,aguanetae aguanón; aínda que as que teñen a raíz “agua-“ teñen o defecto de que tamén se usan para nomear o insectívoro: Galemys pyrenaicus, sobre todo “aguaneira”. Porén, o dRAG unicamente recolle tres opcións para Arvicola sapidus: lirio, leirón e luria, mais as dúas primeiras como segunda acepción fronte á primeira de glírido e soamente a terceira como denominación exclusiva desta especie.

A especie Arvicola sapidus é un endemismo da Península Ibérica e o occidente de Franza. Chamada luria grande na lista da SGHN e rata de auga comúnna GMG,ten como denominacións noutras linguas: rata de agua (castelán), ratu d’agua ou aguarón/ratu d’agua (asturiano), rata d’aigua ou rat-buf (catalán), rato-de-água (portugués), rat d’eau ou campagnol amphibie (francés), arvicola acquatica sud-occidentale/meridionale (italiano), ur-arratoi (= rata de auga, basco) e southwestern/southern water vole (inglés). A súa necesidade de vivir cabo das correntes de auga e a súa presenza en toda Galiza fai que a denominación máis axeitada poida ser a de luria de auga/común.

E Arvicola scherman, até hai pouco considerada subespecie de Arvicola amphibius, é unha especie distribuída polas montañas ibéricas setentrionais e do centro de Europa dende os Alpes occidentais até os Cárpatos orientais, pero en Galiza só mora nas serras máis orientais de Lugo e Ourense. Denominada luria pequena pola SGHN e rata de auga setentrional na GMG, recibe os nomes noutros idiomas de: rata topera/de agua norteña (castelán), ratu fozón/de prau/topineru ou aguarón toperu (asturiano), rata talpera ou talp de camp (catalán), rato-dos-lameiros (portugués), arvicola acquatica montana (italiano), rat taupier (francés) e montane water vole (inglés). Dado que o seu hábitat está nos prados húmidos de montaña non sería má denominación a de luria de lameiro/montañesa, porque é unha especie claramente montañesa.

Alén destas especies da nosa terra hai outros arvicólidos en España e no resto de Europa. Entre os pequenos:

Corta de Cabrera (Microtus cabrerae). Endemismo ibérico que mora en varias zonas discontinuas: o Prepireneo aragonés, o Sistema Ibérico meridional, as Serras Béticas e o Sistema Central. Ten o mesmo nome en todas as linguas: topillo/ratilla de Cabrera (castelán), rato-de-Cabrera (portugués), talpó de  Cabrera (catalán), campagnol de Cabrera (francés) e Cabrera’s vole (inglés).

Corta pirenaica (Microtus gerbei< antes: M. pyrenaicus).Endemismo pirenaico que chega até o leste da Cordilleira Cantábrica e boa parte da Aquitania francesa, denominado: topillo pirenaico (castelán), talpó pirinenc (catalán), campagnol souterrain des Pyrénées (francés), Gerbe’s volepyrenean pine vole (inglés) e Pyrenäen-kleinwühkmaus(alemán).

Corta bávara (Microtus bavaricus). Endemismo dos Alpes bávaros e tiroleses, denominado: topillo bávaro (castelán), campagnol souterrain de Bavarie (francés), bavarian pine vole (inglés) e bayerische kurzohrmaus (alemán).

Corta nórdica (Microtus oeconomus). Especie da tundra holártica que se estende por Asia, o NW de Norteamérica e o norte de Europa, chegando no noso continente até o norte de Alemaña; que recibe os nomes de: ratilla nórdica (castelán), talpó nòrdic (catalán), campagnol nordique (francés), tundra/root vole (inglés) e nordische wühlmaus (alemán).

Corta de Ondrias (Microtus levis = M. epiroticus, M. rossiaemeridionalis). Especie do sur dos Balcáns e das estepas orientais europeas, dende Romanía, pasando por Ucraína e Rusia, até Finlandia e mesmo Noruega; chamada: ratilla de Ondrias ou topillo griego (castelán), campagnol d’Ondrias (francés), east european/sibling vole (inglés) e Ondrias-feldmaus ou südfeldmaus (alemán). Como se ve, toma o seu nome maioritario do seu descubridor Ondrias en 1966.

Corta subterránea (Microtus subterraneus), chamada trilladeira soterrania pola SGHN, aínda que non é unha especie ibérica, pois esténdese por toda Europa agás a Península Ibérica, as Illas Británicas e Escandinavia. Recibe os nomes de: topillo europeo (castelán), campagnol souterrain (francés), arvicola sotterranea ou topo talpino soterraneo (italiano), common pine vole (inglés) e kurzohrmaus (alemán). O seu nome científico procede de ser unha especie de vida máis subterránea ca as súas parentes.

Corta levantina (Microtus guentheri). Especie propia dos Balcáns e Oriente Próximo, que recibe os nomes de: ratilla mediterránea (castelán), talpó mediterrani clar (catalán), campagnol lévantin (francés), Günther’s/Levant vole (inglés) e Levante-wühlmaus (alemán).

Corta alpina (Microtus multiplex). Especie dos Alpes que chega polo SE até Serbia e Montenegro, denominada: topillo de Fatio (castelán), talpó de Fatio (catalán), campagnol des Alpes (francés), arvicola di Fatio (italiano), alpine pine vole (inglés) e Fatio-kleinwühlmaus (alemán).

Corta de Tatra (Microtus tatricus). Endemismo dos montes Tatra, que lle dan o nome, e os Cárpatos entre Ucraína e Romanía; denominado: topillo de Tatra (castelán), campagnol souterrain de Tatra (francés), Tatra pine vole (inglés) e Tatra-kleinwühlmaus (alemán).

Corta de Thomas (Microtus thomasi). Especie propia do SE de Europa, dende Bosnia e Serbia até Grecia e Macedonia, que recibe os nomes de: topillo de Thomas (castelán), campagnol de Thomas (francés), Thomas’ pine vole (inglés) e Balkan-kurzohrmaus (alemán).

Corta de Savi (Microtus savii). Endemismo itálico que ocupa a Península Italiana e a bacía do Po até as ladeiras dos Alpes suízos, denominado: topillo oscuro (castelán), talpó mediterani fosc (catalán), campagnol souterrain de Savi (francés), arvicola di Savi ou topo talpino del Savi (italiano), Savi’s pine vole (inglés) e Savi-kleinwühlmaus (alemán).

Corta de Felten (Microtus felteni). Endemismo de Serbia, Albania, Macedonia e Grecia, denominado de xeito similar como: topillo de Felten (castelán), talpó de Felten (catalán), campagnol de Felten (francés), Felten’s pine vole (inglés) e Felten-kleinwühlmaus (alemán).

Corta de Liechtenstein (Microtus liechtensteini). Endemismo dos Alpes orientais, que se espalla dende o norte de Italia, pasando por Austria e Eslovenia, até Croacia; denominado de maneira similar nas demais linguas: topillo de Liechtenstein (castelán), Liechtenstein’s pine vole (inglés) e Illyrische kurzohrmaus ou Liechtenstein-kleinwühlmaus (alemán).

Corta balcánica (Dinaromys bogdanovi). Especie propia dos Alpes dináricos dende Croacia até o norte de Grecia, denominada: topillo nival de los Balcanes (castelán), talpó dels Balcans (catalán), campagnol de montagne (francés), Balkan/Martino’s snow vole (inglés) e bergmaus (alemán).

Corta gris de lombo roibo (Myodes rufocanus < antes: Clethrionomys r.). O xénero Clethrionomys desaparece para que as súas especies se incorporen ao xénero Myodes, denominadas en inglés: “red-backed voles” ou “cortas de lombo roibo”. Esta especie eurasiática esténdese dende Escandinavia até o norte do Xapón e o extremo oriental de Siberia; e recibe os nomes de: topillo chinchilla (castelán), talpó roig i gris (catalán), campagnol gris-roux/de Sundevall (francés), grey red-backed/grey-sided vole (inglés) e graurötelmaus (alemán). Coido que a denominación que lle dou en galego axústase perfeitamente á principal característica da especie.

Corta ártica (Myodes rutilus < antes: Clethrionomys r.). Esta especie holártica tamén mudou de xénero, coma a anterior, e esténdese polo norte de Escandinavia e Siberia até Alasca e o norte do Canadá. Todos os seus nomes son similares: topillo ártico (castelán), talpó boreal (catalán), campagnol bóreal (francés), northern red-backed/ruddy vole (inglés) e Polarrötelmaus (alemán).

E entre os grandes:

A luria eurasiática (Arvicola amphibius), a terceira especie deste xénero e habita dende Gran Bretaña até Siberia oriental, deixando fóra a Península Ibérica e as illas mediterráneas. As súas denominacións noutras linguas son –os nomes ibéricos coinciden cos de Arvicola scherman por seren consideradas antano a mesma especie–: rata topera (castelán), rata talpera (catalán), rato-dos-lameiros (portugués), rat taupier ou grand campagnol ou campagnol terrestre/nageur (francés), arvicola acquatica europea/terrestre ou ratto d’acqua (italiano) e european/northern water vole ou water rat (inglés) e schermaus (alemán).

E a rata de almiscre (Ondatra zibethicus) –denominación usada na Wikipedia galega–. Especie norteamericana introducida na maior parte de Europa, que en España penetra no norte do País Basco e Navarra. As súas denominacións nas demais linguas son moi semellantes: rata almizclera/almizclada (castelán), rato-almiscarado (portugués), rata mesquera ou ondatra (catalán), rat musqué/d’Amérique (francés), topo muschiatoou ondatra (italiano) e muskrat (inglés; < musquash (termo indíxena) + rat). Malia os nomes populares é unha “gran luria” e non múrido ningún.

E ademais os lemins, propios do norte eurasiático e norteamericano, que en Europa teñen tres representantes: o lemin da tundra (Lemmus lemmus), endemismo propio da Cordilleira Escandinava e mais o norte desta península, que recibe os nomes de: lemming vulgar/de tundra (castelán), leming de cap negre (catalán), lemingue-da-Noruega (portugués), lemming des toundras/du nord/d’Europe/de Norvège/commun (francés), lemming/lemmo norvegese (italiano), Norway/norwegian lemming (inglés), berglemming (=lemin de montaña, alemán), lemen (noruegués) e fjällämmel (=lemin de montaña, sueco); o lemin siberiano (Lemmus sibiricus), morador da Siberia máis ártica que penetra no extremo setentrional da Rusia europea, co mesmo nome case en todas as linguas: lemming siberiano (castelán), lemingue-pardo-da-Sibéria (portugués), lemming de Sibérie/brun (francés), lemming/lemmo bruno siberiano (italiano), siberian brown lemming (inglés) e sibirischer lemming (alemán); e o lemin da taiga (Myopus schisticolor), habitante da taiga dende a Península Escandinava até o Pacífico siberiano, denominado basicamente igual en todos os idiomas: lemming oscuro/de bosque (castelán), leming pisarrenc (catalán), lemingue-dos-bosques (portugués), lemming des bois/des forêts (francés), wood lemming (inglés), waldlemming (alemán), skoglämmel (sueco) e skoglemen (noruegués). Como se ve, a maioría das linguas adopta o xermanismo “lemming”, aínda que esta palabra non adoita aparecer nos dicionarios españois. O portugués é das poucas que adapta a palabra, como: “lemingue” ou “lêmingue” (no Brasil); e tamén o italiano que adapta o latinismo: “lemmo”. Aínda que o Gran Dicionario Seculo XXI da Lingua Galega recolle este estranxeirismo: lémming (pl. lémmings), coido máis razoábel adaptar esta palabra á única pronuncia galega posíbel: lémming >lemin; seguindo o exemplo doutro xermanismo adaptado: meeting>mitin.

Porén ademais das catro familias de roedores que contan con especies en Galiza, hai seis familias máis con representantes no resto de España e noutros países europeus:

Aínda que os hámsteres domésticos proveñan maioritariamente de dúas especies asiáticas: o hámster ruso (Phodopus sungorus) e o hámster dourado sirio (Mesocricetus auratus), Europa alberga tres especies autóctones de Cricétidos: o hámster común (Cricetus cricetus), propio de gran parte de Europa, dende Bélxica e Alsacia até a cordilleira do Altai e o río Ienisei en Rusia, e que recibe os nomes de: hámster vulgar/europeo (castelán), hàmster comú (catalán), hamster-comum (portugués), hamster d’Europe/commun e cochon de seigle/des blés (francés), criceto comune (italiano), european/eurasian/black-bellied/common hamster (inglés) e feldhamster ou europäischer hamster; o hámster dourado romanés (Mesocricetus newtoni), endémico do SE de Romanía e do norte de Bulgaria, que é denominado como: hámster rumano/dorado (castelán), hàmster daurat (catalán), hamster de Roumanie/de Newton/doré de Roumanie (francés), criceto dorato di Romania (italiano), romanian/Dobrudja hamster (inglés) e rumänischer hamster/goldhamster (alemán); e o hámster migrador (Cricetulus migratorius), que mora nas estepas eurasiáticas, dende Moldavia e Ucraína até Mongolia e o NW da China, e chámase: hámster migrador (castelán), hàmster gris (catalán), hamster migrateur (francés) e grey/migratory hamster (inglés). Como se ve, a maioría dos idiomas occidentais adoptaron o xermanismo “hamster” para denominaren as especies desta familia.

As sicistas, pequenos roedores moi semellantes aos ratos pero con patas posteriores máis longas, un rabo longuísimo e unha lista negra percorrendo o seu lombo dende a cabeza ao rabo –coma no “rato listado”–, pertencen á exclusiva familia dos Zapóridos. En Europa moran dúas especies: a sicista nórdica (Sicista betulina), que se atopa dende Polonia, Chequia e Austria até o centro de Siberia; e recibe os nomes de: sicista nórdica, ratón listado nórdico ou ratón gregario (castelán), sicista/ratolí dels bedolls (catalán), siciste des bouleaux ou sminthe errant (francés), northern bitch mouse (inglés) e waldbirkenmaus (alemán). E a sicista esteparia (Sicista subtilis), que vive nas chairas dos Balcáns, Romanía, Ucraína e o sur de Rusia; e ten como nomes: sicista esteparia ou ratón listado estepario (castelán), sicista/ratolí de les estepes (catalán), siciste des steppes ou sminthe des steppes (francés), southern birch mouse (inglés) e steppenbirkenmaus (alemán). Coido que usar o seu nome de xénero é o máis correcto, dado que non son auténticos ratos.

Os castores, en plural porque son dúas as únicas especies vivas da familia dos Castóridos, e ambas habitan Europa, porque á especie autóctone: castor eurasiático (Castor fiber), hai que engadir a introdución do castor americano (Castor canadensis) en Finlandia e no norte de Rusia. Coido mellor a denominación de “eurasiático” ca “europeu” porque a especie chega por Siberia até o centro de Asia. Nalgúns lugares aparece a denominación de befre (< lat. fiber) como sinónimo, mais é un castelanismo e neste idioma é un arcaísmo sen apenas uso. O castor anda a ser introducido na maioría dos países europeus, mesmo en España na cunca alta do Ebro, pois esta especie morou outrora no norte ibérico até séculos máis próximos do que moita xente pensa (s.XVII ou XVIII).

Os Espalácidos é unha familia moi descoñecida en Europa occidental porque as súas especies habitan na parte oriental do continente e pasan a maior parte da súa vida baixo terra. Fóra do italiano que adapta o seu nome de xénero para as denominar: “spalace”; a maioría das linguas occidentais optan por un nome que recolle a súa dupla condición de roedor e morador subterráneo: “rata topo”, “rat-taupe”, “mole-rat”, “rata talp cega” ou “blindmaus” (= rato cego). Por isto coido que a mellor opción en galego sería seguir este exemplo e denominalas como: “rata toupeira”, onde a segunda palabra aproveita os seus significados de: “toupa” e “morea de area e galería produto da escavación dunha toupa ou roedor –coma as cortas–”. En Europa hai unhas seis especies, dúas máis coñecidas e catro apenas coñecidas: a rata toupeira occidental (Spalax leucodon), propia dos Balcáns, Hungría, Romanía e oeste de Ucraína, e denominada noutros idiomas como: rat-taupe (francés), spalace occidentale (italiano), lesser mole-rat (inglés) e westblindmaus (alemán); a rata toupeira oriental (Spalax microphthalmus), que habita nas estepas de Ucraína e o sur de Rusia, e é denominada noutras linguas como: rata topo grande/oriental (castelán), rat-taupe ordinaire/à petits yeux (francés), spalace orientale (italiano), greater mole-rat (inglés) e ostblindmaus (alemán); a rata toupeira de Bucovina (Spalax graecus), propia de Romanía, Moldavia e Ucraína, e chamada en inglés: Balkan/Bukovin mole-rat; a rata toupeira de areal (Spalax arenarius), endémica de Ucraína e denominada en inglés: sandy mole-rat; a rata toupeira xigante (Spalax giganteus), moradora do sur de Rusia e denominada en inglés como: giant/russian mole-rat; e por último, a rata toupeira de Podolia (Spalax zemni), un endemismo de Ucraína central e occidental, chamada en inglés: Podolian/Podolsk mole-rat.

O porco espiño (Hystrix cristata), é único representante dos Hystrícidos que mora en Europa e o auténtico mamífero con esta denominación, pois aínda que na fala popular se empregue como sinónimo do “ourizo cacho” –e así o recolle o dRAG na súa primeira acepción–, é esta especie africana a verdadeira dona de tal nome. Así o recollen as denominacións das demais linguas: puercoespín crestado (castelán), porc espí (catalán), porco-espinho-de-crista-africano (portugués), porc-épic à crête/commun/d’Europe (francés), crested porcupine (inglés), istrice ou porcospino (italiano). Semella que foron os romanos os que introduciron a especie en Italia, onde habita dende o centro até Sicilia. Coido que seguindo o exemplo máis usado débese chamar a esta especie: porco espiño cristado.

O coipo (Myocastor coypus), orixinario do sur de Suramérica e única especie dos Caprómyidos en Europa, hoxe mora, mercé á industria peleteira, nunha boa parte de países do continente: Franza, Bélxica, Países Baixos, Alemaña, Italia e varios países balcánicos, e tamén en España, en zonas do País Basco, Navarra, Cantabria e Cataluña. Recibe varias denominacións, algunha abondo inadecuada, así: coipo, coipú e nutria (roedora) (castelán); coipú (catalán); rato-do-banhado, nutria, caxinguie ratão-d’água (portugués); ragondin (francés; < rat gondin (rata de río)); nutria e castorino (italiano); coypu, river rate nutria (inglés); nutria, biberratte (rata-castor) e wasserratte (rata de auga) (alemán); beverrat (neerlandés: “rata-castor”); nutrie (romanés); nutria (húngaro, finés); nutrija (serbio, esloveno, lituano), etc. Descartado usar o americanismo “nutria”, por razóns obvias, coido que adaptar o seu nome de especie é o máis correcto, que procede do mapuche: koypu.

LAGOMORFOS

                Antano considerados como roedores, hoxe constitúen a súa propia orde, mais con unicamente dúas familias: os Ocotónidos, coas picas, propias de Asia setentrional e Norteamérica, pero que até non hai moito tiveron un representante en Europa: a pica sarda (Prolagus sardus), que sobreviviu nas illas de Córsega e Sardeña até a súa extinción no s.XVIII.

E os Lepóridos, que inclúe os coellos e as lebres:

Cun coello autóctone europeo: o coello bravo (Oryctolagus cuniculus), como o denomina a GMG. A cría denomínase “cazapo”, tanto nos exemplares domésticos –que descenden da forma salvaxe– coma nos bravos. Hoxe a especie esténdese pola maior parte de Europa occidental e central, incluídas as Illas Británicas e o sur de Escandinavia, porén a súa área orixinal era a Península Ibérica e mais a beiramar setentrional do Magrebe. Recibe as denominacións de: conejo común/europeo(castelán), coneyu européu (asturiano), conello/conillo/coniello (aragonés), coelho-europeu/-bravo (portugués), conill de bosc (catalán), conilh/coniu europèu (occitano), coniglio selvatico europeo (italiano), conillu/conillyu (sardo), lapin de garenne/commun (francés), european/common rabbit (inglés) e wildkaninchen (alemán).

E outro alóctone: o coello de rabo de algodón ou coello de Florida (Sylvilagus floridanus),orixinario do leste de Norteamérica e América central até o norte de Venezuela e introducido como especie cinexética no NW de Italia e no sur de Franza. Recibe os nomes de: conejo de Florida (castelán), conill de Florida (catalán), coelho-da-Flórida (portugués), lapin à queue blanche/de Floride (francés), silvilago orientale ou minilepre (italiano) e eastern cottontail (inglés).

E seis especies de lebres vivindo no noso continente, das que tres se dan en España, e as dúas primeiras en Galiza. Até non hai moito unicamente se recoñecían dúas especies en Europa: a lepus timidus e a lepus capensis; considerada antano esta última como unha especie única con varias subespecies que se espallaba por Africa e Eurasia, mais estudos xenéticos posteriores fixeron clasificar como especies o que antes se consideraban como simples subespecies:

A lebre ibérica(Lepus granatensis), así correctamente chamada na GMG e a especie máis común en Galiza e no resto da Península Ibérica até o sur do Ebro; que recibe as denominacións de: liebre ibérica (castelán), lebre-comum (portugués), llebre ibèrica (catalán), lièvre ibérique (francés), Granada/iberian hare (inglés) e iberischerhase (alemán).

A lebre cantábrica(Lepus castroviejoi) ou lebre do piornal na GMG –nome copiado do castelán –. Endemismo da Cordilleira Cantábrica, denominada noutros idiomas como: liebre de piornal/de Castroviejo (castelán), lebre-cantábrica (portugués), lièvre des Monts Cantabriques/des genêts (francés), lepre cantabrica (italiano), broom hare (inglés) e Castroviejo-hase ou ginsterhase (alemán).

A lebre europea GMG (Lepus europaeus), que habita a maior parte de Europa, dende Gran Bretaña –onde foi introducida hai moito– até o sur de Finlandia e o centro de Siberia, e mesmo o NE de España ao norte do Ebro chegando polo oeste até Asturias central; denominada noutras linguas: liebre europea (castelán), lebre-europeia (portugués), llebre comuna/europea (catalán), lièvre d’Europe (francés), lepre europea/comune (italiano), european/brown hare (inglés) e feldhase (alemán).

E tres no resto de Europa:

A lebre variábel (Lepus timidus), que recibe o seu nome por variar de cor –de castaño a branco– segundo a estación do ano; e que habita dende Escandinavia e leste de Polonia até o norte do Xapón, con illas de presenza nos Alpes, Irlanda e Escocia. Denominada noutras linguas como: liebre de montaña/variable (castelán), lebre-da-Eurásia/-azul/-da-montanha/-alpina (portugués), llebre de les neus (catalán), lièvre variable (francés), lepre variabile/bianca (italiano), mountain hare (inglés) e schneehase (alemán).

A lebre itálica (Lepus corsicanus). Especie endémica da Península Itálica e Sicilia, e introducida cara ao s.XIV en Córsega, que hoxe diminúe pola presión da lebre europea, introducida en Italia con fin cinexético. Nomes: liebre corsa (castelán), lepre appenninica/italica (italiano), lièvre d’Italie (francés), corsican/apennine/italian hare (inglés), korsika-hase ou italienischer hase (alemán).

E a lebre do Cabo (Lepus capensis), lebre africana e do Oriente Próximo hoxe só recoñecida como especie moradora de Sardeña en Europa, onde foi introducida dende o norte de África quizais na época romana; que recibe os nomes de: liebre de El cabo (castelán), lebre-do-Cabo (portugués), llebre del Cap (catalán), lièvre du Cap/de la Mediterranée (francés), lepre del Capo/africana ou lepre sarda –á variedade de Sardeña– (italiano),Cape/brown/desert hare (inglés) e Kaphase ou wüstenhase (alemán).

2 comentarios:

  1. Este comentario ha sido eliminado por el autor.

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Os antigos Insectívoros e mais os Quirópteros constitúen a seguinte e derradeira entrega, que leva máis traballo do que cría pola continua mudanza na clasificación das especies. Con todo coido que será un traballo interesante.
      Beizón polo teu apoio.

      Eliminar