domingo, 26 de enero de 2014

Brasileiro

Recentemente merquei un libro para aprender portugués: “Portugués para Dummies”; en que o que me impulsou á súa adquisición foi que ofrece unha visión do portugués enteiramente brasileira, malia que na portada aparezan ambas as bandeiras do Brasil e Portugal.
Sendo un dos poucos métodos no mercado español onde un pode coñecer dun xeito abondo real como falan o portugués os brasileiros, é dicir, a maior parte dos lusófonos; cunha visión da lingua corrente que un se vai atopar se visitar o país.

O que máis chama a atención a respecto do portugués estándar é a pronuncia, sobre todo de certas sílabas, que dan un marcado sotaque, totalmente inconfundíbel, ao falante brasileiro fronte ao falante portugués. Se cadra as diferenzas fonéticas máis rechamantes son:
A maior nitidez das vogais na fala fronte á tendencia ao enxordecemento das vogais átonas do portugués europeu (ex.: “peixi” fronte a “paix”) e a realización como –I  de todo –E final: fome (fomi), sangue (sãgi), carne (kaghni), ele (eli), sempre (senpri), correr (koghé), nadadores (nadadoris).
Unha maior tendencia a pronunciar o R múltiplo como un son aspirado parecido ao da nosa gheada, aínda que esta pronuncia tamén se dá en Lisboa, espallándose aos poucos polo resto de Portugal: rato (ghatu), ao redor (au ghedó), carroça (caghosa), perto (peghtu), etc.; mais mantendo o son vibrante habitual do R simple: carro (kaghu)/ caro (karu), ferro (feghu)/ fero (feru). E ao mesmo tempo tamén hai un enxordecemento do –R final de palabra: amar (amá), sentir (senchí), fazer (fasé), dor (do), calor (kaló), etc.
A pronuncia das sílabas DI e –DE final como “yi” e TI e –TE final como “chi”, fenómeno que a partir de Rio de Janeiro e São Paulo, principais cidades do país, vaise espallando polo resto da nación como modelo estándar: de (yi), médico (méyiku), onde (onyi), grande (granyi), dia (yía), difícil (yifisiu), pedir (peyí), direito (yireitu), liberdade (libeghdayi), etc.; ótimo (óchimu), repetir (ghepechí), útil (uchiu), notícia (nochisia), divertido (yiveghchidu), intestinos (inteschinus), romântico (ghománchiku), antes (anchis), norte (noghchi), triste (trischi), sete (sechi), quente (kenchi), arte (aghchi), etc.
A pronuncia do –L final de sílaba como U, bastante xeral por todo o país: Brasil (brasíu), alma (auma), papel (papeu), sul (suu), alta (auta), mil (miu), fácil (fasiu), celta (seuta), animal (animau), etc.

No plano morfosintáctico as diferenzas máis rechamantes son:
A modificación dos pronomes persoais, coa desaparición das formas da segunda persoa: “tu” e “vós”, apenas vivas nalgunhas zonas do país e converténdose por tanto en dialectalismos, e a súa substitución por “você(s)”, orixinalmente a forma de respecto, que agora é, coma en Portugal: “o senhor/a senhora”. En consecuencia hai unha reorganización do paradigma, tanto tónico: 1ª persoa singular: eu, mim, comigo; 1ª persoa plural: nós, conosco; 2ª persoa: você(s), si, consigo; e 3ª persoa: ele(s)/ela(s), si, consigo; coma átono: 1ª persoa singular: me; 1ª persoa plural: nos; 2ª e 3ª persoa: lhe(s), o(s)-lo(s)/a(s) –la(s), aínda que tamén se usa “te” para a segunda persoa. Ex.: eu te amo = eu o amo = eu amo você. Con todo, o uso de “o(s)/a(s)” é máis propio dunha linguaxe culta.
E tamén unha importante mudanza na flexión verbal que queda reducida a só catro formas. Así o Presente de Indicativo de Falar é: eu falo, você/ele/ela fala, nós falamos e vocês/eles/elas falam. Existindo, ademais, na fala coloquial a tendencia a substituír o pronome “nós” por: “a gente”, que obviamente se conxuga coas formas verbais da 2ª e 3ª persoa: a gente fala muito = nós falamos muito.
A modificación pronominal trouxo tamén consigo unha reorganización dos posesivos, desaparecendo “teu/tua” e “vosso/vossa”, substituídos por “seu/sua”, e como consecuencia disto creáronse uns novos posesivos para a terceira persoa: “dele/dela”. O esquema resultante é o seguinte: 1ª persoa singular: meu/minha; 1ª persoa plural: nosso/nossa; 2ª persoa: seu/sua; e 3ª persoa: dele/dela. Ex.: me diga o seu nome (= me diga o nome de você), me diga o nome dela; é a sua irmã (de você), é a irmã dele; os seus amigos são gente boa (de você), os amigos dela são gente boa.
A tendencia a suprimir o artigo diante de posesivo. Ex.: vi a meu lado, vendo filmes em seu videocassete, isso afetara sua modéstia, estivesse em sua mente, você em sua cegueira, em troca de nossa contemplação, etc.
A proclise dos pronomes como forma xeral cando en portugués ou galego é prescritivo a enclise; e a mesoclise (ex.: come-lo-ia) é de uso apenas literario e arcaizante. Ex.: eu o tenho, eu te dou dinheiro; ela se encontra cá; me parece bem; vou o procurar lá; me traz a conta?; me diga o seu nome; lhe dá o seu passaporte; ou se perderá.
O uso case xeral do xerundio fronte ao infinitivo xerundial. Ex.: está falando /está a falar, continua chovendo /continua a chover, andam montando/andam a montar, etc.

E por último recalcar as coñecidas diverxencias léxicas, tan propias de idiomas moi estendidos, así (Bra/Por): celular/telemóvel, terno/fato(traxe), time/equipa, trem/comboio, maiô/fato-de-banho, grama/relva(céspede), estação/gare, freio/travão, ônibus/autocarro, perua/carrinha, aeromoça/hospedeira, calcinhas/cuecas(bragas), etc.

A conclusión, persoal obviamente, é que o brasileiro é unha variedade, fronte ao portugués europeu, con moita personalidade, tanto como para xustificar que haxa dobraxes e traducións diferentes para ambas as variedades, aínda que a intercomprensión é totalmente posíbel. Se isto ocorre entre brasileiro e portugués europeu, como non vai ocorrer o mesmo co galego, onde as variacións fonéticas, morfosintácticas e léxicas son aínda máis importantes; sen que isto empeza unha grande intercomprensión, loxicamente menor ca a que se dá entre brasileiro e portugués europeu, nin a pertenza do galego ao sistema lingüístico do portugués.

A miña experiencia persoal é que non se pode ler ningún texto literario en portugués, sexa europeu, brasileiro ou africano, sen botar man do dicionario se se quer comprender cabalmente o mesmo. E dubido moito que ningún galegofalante poida evitar esta mesma situación se antes non ten estudado a lingua/variedade irmá; o cal recomendo encarecidamente.

1 comentario:

  1. Tendes algum mail de contato?

    Mui intressante esta entrada.

    Abraços

    ResponderEliminar