sábado, 28 de septiembre de 2013

AO MEU CARÓN OU A CARÓN DE MIN

Con frecuencia vexo como a locución adverbial “a carón” úsase acompañada dun posesivo:
*Sentou ao meu carón, *camiñaba ao seu carón, *estaban a carón noso,  *vou a carón teu, etc.
                Mais esta locución e a súa variante preposicional “a carón de” nunca aparecen nos  exemplos de uso con posesivo ningún, tanto en dicionarios coma en gramáticas. O cal é lóxico porque en galego os posesivos unicamente acompañan substantivos ou adxectivos substantivados; razón pola que o seu uso xunto a adverbios é rexeitado como evidente castelanismo: *diante súa (diante dela(s)/del(es)),* enriba nosa (enriba de nós),* detrás túa (detrás de ti).
                Xa que logo o motivo por que se produce esta anomalía é que o escritor, ou falante, comete o erro de considerar a palabra “carón” como sinónima de “lado” ou “beira”, que si son substantivos, e por tanto admiten posesivos, pero que tamén forman parte de locucións adverbiais (á beira, ao lado) e preposicionais (á beira de, beira de, ao lado de). Polo que con estas palabras si podemos escoller entre usar posesivos ou pronomes:
                Sentou ao meu lado / sentou ao lado de min, camiñaba á súa beira / camiñaba á beira del,  estaban ao noso lado / estaban ao lado de nós, etc.
                O galego ten unha longa cantidade de sinónimos para expresar a proximidade de algo a algo, con preposicións, locucións adverbiais e locucións preposicionais:
                Á beira (de), beira de, cabo de, a carón (de), de carón (de), cerca de, de cerca, ao lado (de), onda, a/á par (de), de par (de), en par de, ao pé (de), preto de, de preto, a son de, xunta, (a) xunta de, xunto a/de, e máis algunha que se me esquece.
                Nótese que non se inclúe a preposición “canda”, porque o seu significadado real é: “ao mesmo tempo ca/que”, e soamente se debe usar cando se poida trocar por esta expresión:
                Pasou canda estabas alá = Pasou ao mesmo tempo que estabas alá, irei canda vós ao cole = irei ao mesmo tempo ca vós ao cole.
                Mais ningunha delas admite o acompañamento de posesivo ningún.
Velaquí algúns exemplos de uso destas preposicións e locucións:
                Vímolo de preto/cerca, vímolo a carón/á beira/á par, mais tamén: vímolo ao noso lado/á nosa beira.
                Puxo a maleta de carón/ao pé/ao lado, mais tamén: puxo a maleta á súa beira/ao seu lado.

                Agarda a son da porta/xunto á porta/de par da porta/ cabo da porta/ onda a porta.

No hay comentarios:

Publicar un comentario