miércoles, 3 de octubre de 2012

O plural dos monosílabos acabados en -L


Realmente son ben poucas as palabras monosilábicas galegas rematadas en -L, apenas dezasete patrimoniais: cal(f), cal(m), cal(pron), col, el, fel, fol, mal, mel, mol, pel, ril, sal, sol, tal, val e vil; e cinco estranxeirismos: chal, gol, rol, til e xel.
            Segundo as NOMIG todas fan os seus plurais engadindo –ES; mais convén saber que non sempre foi así.
            Antano había algunhas que perdían o L: cal (pron) [med. qual] > cais [med. quaes], sal > sais, sol > sois, tal > tais [med. taes] e vil > vis. Loxicamente, esta é a solución que mantén o portugués: qual > quais, sal > sais, sol > sóis, tal > tais e vil > vis. Os redactores das NOMIG dinnos que “o galego moderno abandonou a solución medieval” nos palabras “cal” e “tal”, pero non nos din por que ou a partir de que época; tamén que o plural “viles” xa era maioritario no galego medieval, pero non nos din en que séculos ou en que clase de textos; e que nas palabras: “cal” (m), “sal” e “sol”, “o resultado esperado, (…), sería *cais, *sais e *sois, de nula ou escasa documentación”, sen saber, por exemplo, se “sal” se documenta como palabra masculina ou feminina, o cal é crucial para sabermos se estamos ante un castelanismo ou non; en fin, escamotéannos unha información imprescindíbel para saber como e por que o galego “evoluíu”, unha volta máis, para a converxencia co castelán.
            Mentres que outras conservaban o L: el > eles, fol > foles, mal > males, mol > moles, pel > peles e val > vales. Nótese que todas estas palabras conservan o –E final en singular en portugués: ele, fole, mole, pele e vale, agás “mal”, que sempre fixo o plural engadindo –ES para non se confundir coa conxunción “mais” nin co adverbio ou indefinido “máis”, tanto en galego coma en portugués.
            E logo están as palabras dubidosas, como “fel” e “mel”que admiten as dúas solucións en portugués: “féis / feles” e “méis / meles”, mais que sempre se documentaron en galego co plural con L: “feles” e “meles”; a “col”, cuxo plural habitual é “coles”, que presenta tres variantes non monosilábicas: “coella”, “coia” e “couve”, sendo esta última tamén a forma estándar portuguesa; o “cal” (óxido de calcio), que en portugués, onde é palabra feminina, admite as dúas solucións: “cais / cales”; a “cal” (sinónimo de “canle”), palabra inexistente en portugués, cuxo único plural documentado é “cales”; e “mol” como substantivo relativo á unidade de masa, que presenta unha solución brasileira: “mol > mols”, cun plural insólito no portugués e como palabra masculina, e outra portuguesa europea: “mole > moles”, totalmente regular e como palabra feminina, mentres que en galego coincidimos –sorpresa- coa solución castelá: “mol > moles” como palabra masculina; e “ril”, plural habitual “riles”, con variantes como: “rinle” e “rin”, que é a usada polo portugués: “rim > rins”.
            Os estranxeirismos incorporáronse seguindo este modelo, dado que se introducen maioritariamente a través do castelán: chal > chales, gol > goles, rol > roles, til > tiles e xel > xeles. En portugués, en troca, existen solucións diferentes para os distintos vocábulos: “xaile” é a palabra portuguesa para “chal”, polo que non entra dentro dos monosílabos nin presenta problema no seu plural; “gol” ten dúas solucións, a brasileira que, maioritariamente, é “gol > gols”, adoptando de novo un plural insólito en portugués, e a portuguesa europea que adaptou o vocábulo como “golo”, así que non presenta problema ningún no seu plural; “rol” fai o plural ao xeito patrimonial: “róis”; pola contra, “til” faino como “tiles”; mentres que “gel” admite as dúas solucións: “géis / geles”; e a palabra portuguesa para “sur”: “sul”, que fai o plural patrimonial: “suis”.
            Parece evidente que coas palabras monosilábicas rematadas en –L se pasou o mesmo ca coas polisilábicas: impúxose a solución prestixiada, é dicir, a castelá; mais inclusive nas polisilábicas o “oficialismo” tentou explicar esta castelanización morfolóxica como “o resultado dunha recuperación do L a partir do singular, seguindo o modelo das palabras rematadas en –R e –Z e dos monosílabos rematados en –L”, ou sexa, unha evolución do propio galego para converxer, casualmente, co español, a lingua de prestixio en Galiza durante os últimos séculos.
            E para acabar convén lembrar que o plural de “mil” é “millares” ou “milleiros”; “miles” é máis un castelanismo innecesario, por moito que estea admitido na actual normativa. Xa que logo, mellor usemos “millares” para falar de persoas e “milleiros” para as cousas ou animais, o cal tamén está admitido pola actual normativa.

No hay comentarios:

Publicar un comentario