martes, 15 de noviembre de 2011

Galego e portugués

O eterno –case o parece- debate sobre se o galego e o portugués son a mesma lingua ou idiomas diferentes é máis ideolóxico ca lingüístico. Pois a ciencia sabe, e desde hai moito tempo, que portugueses e galegos falamos o mesmo idioma pero non falamos igual. Seica non está de máis lembrar o dito por Francisco Fernández Rei no seu limiar ao Manual de Dialectoloxía da Lingua Galega: “Na actualidade, desde o punto de vista estritamente lingüístico, ás dúas marxes do Miño fálase o mesmo idioma, (…); pero no plano da lingua común, e desde unha perspectiva sociolingüística, hai no actual occidente peninsular dúas linguas modernas, con diferenzas fonéticas, morfosintácticas e léxicas, que poden non impedir a intercomprensión ao existir un bilingüismo inherente entre o galego e o portugués, semellante ao existente entre o catalán e o occitano, o danés e o noruegués, o eslovaco e o checo, o feroés e o islandés.” É dicir, que a nosa situación lingüística nin sequera é senlleira.

Con todo, convén sinalar as principais diferenzas, dado que é máis doado apuntar o breve (as diferenzas) ca o cumprido (as semellanzas), para termos unha visión real do debate, mais tendo en conta que comparamos estándares:

No plano fonolóxico, claramente o máis rechamante a respecto das diferenzas, a inexistencia de vogais nasais e de sibilantes sonoras no galego fronte ao portugués, marca unha liña nidia. Ademais, o portugués descoñece a interdental e o galego a labiodental sonora, e o estándar portugués, que aos poucos se vai impondo por todo o país, non usa a africada e monotonga os ditongos –ei- e –ou-. Xa que logo, podemos escribir unha frase idéntica nas dúas linguas –obviando os acentos- e, así e todo, pronuncialas de xeito notoriamente diferente: Se chove na cidade a poeira pousa no chao. Que un portugués lería como: “Si xoVe na sidad’a puEra pOSa nu xãu” (S = s sonoro, V = labiodental sonora, E = e aberto, O = o aberto, ãu = ditongo nasal); e un galego como: “se tsobe na Zidad’a poejra powsa no tsao” (ts = africada, Z = interdental, ej = ditongo, ow = ditongo).

Na parte morfosintáctica as diferenzas son menores, mais non insignificantes. Así en portugués na formación do plural das palabras rematadas co ditongo nasal “–ão”, hai tres posibilidades xerais: balão – balões, coração – corações ou informação – informações, que é a maioritaria; alemão – alemães, cão – cães ou escrivão – escrivães; e cidadão – cidadãos, bênção – bênçãos ou mão – mãos. Porén hai palabras con dúas posibilidades: refrães e refrãos, verões e verãos, …; e mesmo con tres: aldeãos, aldeões e aldeães ou anciãos, anciões e anciães. En todos os casos o galego traduce estas palabras engadindo S ao singular rematado en –N: balóns, corazóns, informacións (evidente castelanismo), alemáns, cans, escribáns, cidadáns, benzóns, mans, refráns, veráns, aldeáns e anciáns.

O artigo indefinido masculino evoluíu para “um/uns en portugués, coa pronuncia nasal, e para “un/uns” en galego, en tanto que o feminino “ua galego-portugués deu “uma en portugués e “unha” en galego, conservándose inclusive “úa” en eonaviego.

Nos pronomes persoais tónicos da segunda persoa hai unha diferenza substancial: o galego usa “ti” e “vós”, tanto en suxeito coma en complemento preposicional e “vostede(s)” como forma de cortesía; mentres que o portugués usa “tu” en suxeito e “ti” en complemento preposicional en singular e “vós” en ambos os dous casos en plural, mais en situacións moi restrinxidas de intimidade, mentres que “você(s)” substitúe realmente o “ti” e o “vós” galegos e “o senhor/a senhora” son as formas de cortesía.

Nos pronomes persoais átonos de segunda persoa do singular o portugués non diferencia entre TE e CHE coma o galego, usando soamente TE; e os alomorfos dos de terceira persoa para acusativo (lo(s)(la(s), no(s)/na(s)) empréganse de xeito algo diferente (port./gal.): louvei-o/louveino, mandou-o/mandouno, trouxeram-nas/ trouxéronos, tem-nos/ténos, dão-no/dano, etc. Ademais, no portugués existe a posibilidade da mesoclise pronominal nos tempos de futuro e pospretérito de Indicativo: vendê-lo-ei, calar-me-ia, comê-lo-íamos, etc.

Nos pronomes posesivos o galego coñece o uso dos chamados posesivos de propiedade: de meu, de teu, de seu, de noso e de voso.

No sistema verbal, o portugués ten tempos compostos, normalmente formados co verbo “ter”, aínda que tamén se poden formar co verbo “haver” fóra do pretérito perfeito composto (tem cantado, mais nunca: há cantado): tinha/havia anunciado, terei/haverei visto, tiver/houver apanhado, etc. O sufixo da segunda persoa de plural mudou en portugués para “-eis” e “-ais” (port./gal.): quereis/queredes, soubéreis/ souberades, tragais/traiades, etc., conservándose “-des” soamente no futuro de Subxuntivo e no infinitivo conxugado: fizerdes/fixerdes, fazerdes/facerdes, etc., e “-tes” no pretérito de Indicativo: fizestes/fixestes.

O portugués descoñece as conxuncións comparativas “coma” e “ca”.

Nas preposicións existen tamén usos non compartidos, así “contra” non ten en portugués o valor de indicar unha dirección imprecisa temporal ou espacial (ex.: chegou contra o meiodía, vive contra a praia); “deica” ou “agás” non existen en portugués; “en” tampouco se usa para indicar dirección e permanencia temporal nun lugar cando acompaña o verbo “ir” (ex.: vai na eira, ía na romaría); e tamén descoñece locucións preposicionais de tanto uso en galego como: “cara a” ou “encol de”.

Todas estas diferenzas morfosintácticas expostas, aínda que sen afán de exhaustividade, amosan ás claras que sendo a morfosintaxe a parte gramatical menos diferenciada entre as dúas linguas ou variantes (que cada quen escolla o termo que máis lle guste), non por iso deixa de haber diferenzas significativas.

E, finalmente, no léxico a influencia xeneralizada e secular do castelán fixo que moitas veces a unha palabra galego-portuguesa conservada, evoluída ou non, no portugués correspóndalle unha palabra castelá, adaptada ou non, en galego. Por exemplo é o que ocorre cos días laborábeis da semana, conservando o portugués os do latín eclesiástico (segunda-feira, terça-feira, quarta-feira, quinta-feira, sexta-feira) e o galego os do latín pagán, coma en español (luns/lunes, martes, mércores/miércoles, xoves/jueves, venres/viernes), aínda que é certo que os do latín eclesiástico tamén perviven minoritariamente en galego, e son admitidos no estándar, (segunda feira, terza feira, corta feira, quinta feira, sexta feira); ou con palabras como: escova e cepillo, tapete e alfombra, copo e vaso, candeeiro e farol, farol e faro, prego e cravo, cravo e caravel, bolacha e galleta, portagem e peaxe, etc.; ou na adaptación de cultismos e neoloxismos en xeral, en que o galego vén coincidir maioritariamente co español: escritório e oficina, oficina e taller, greve e folga, telefone e telefono, caneta e bolígrafo, rés do chão e planta baixa, polícia e policía, oxigénio e osíxeno, invólucro e envoltorio, estufa e invernadoiro, reforma e xubilación, travão e freo, etc.; ou en palabras en que o xénero muda: a equipa/equipe e o equipo, o duche e a ducha, a pétala e o pétalo, o terraço e a terraza, o are e a área, o creme e a crema, a insónia e o insomnio, o nada e a nada, o croquete e a croqueta, mais na icona o portugués ten o ícone e o español o icono, o que constitúe un misterio deses que gustan aos nosos lexicógrafos.

Aínda que non todas as diferenzas léxicas se poden atribuír á interferencia do castelán, dado que existe un importante grupo de voces patrimoniais que evoluíron marcando algunhas diferenzas, así: luto e loito, truta e troita, luta e loita, coisa e cousa, couro e coiro, brejo e breixo, cereja e cereixa, mocho e moucho, queda e caída, giesta e xesta, enguia e anguía, entrudo e entroido, pássaro e paxaro, hera e hedra, areia e area, cheio e cheo, chuva e chuvia/choiva, etc., aínda que algunhas destas palabras constitúan dialectalismos na outra lingua. E tamén un extenso grupo de palabras propias que non comparten ambas as linguas, así en portugués: enjoo (mareo), louva-a-deus (barbantesa), corcunda (chepa), rebuçado (caramelo), barata (cascuda), beco (ruela), gafanhoto (saltón; lagosta), borrego (año), carrasco (verdugo), beliche (liteira), cigano ou ceifa, aínda que algunhas, como estas dúas últimas, si se usen no estándar da nosa lingua; ou en galego: meixela, brétema, alustro, cadoiro, abrente, arume, fachenda, intre, golpe (raposo), amencer, albiscar, baleiro, doado, enxebre, maino, axiña, seica, decontado, ao chou, a esgalla, etc.

A conclusión que tira o reintegracionismo destas diferenzas é que son moi pequenas, mesmo irrelevantes, mentres que o isolacionismo as acha grandes abondo como para semellaren idiomas diferentes. Non obstante, as diferenzas son as que son e cada quen as ve segundo a súa posición ideolóxica. Eu, particularmente, coido que na meia está o gusto, e entre escoller negro ou branco, escollo cincento, aínda que dubido se o gris é máis escuro ou máis claro.

6 comentarios:

  1. Discordo em muitas das cousas que expõe artigo.


    Primeiro, grande parte das diferenças no plano da pronúncia são devidas à interferência do castelám, a um processo de hibridação do galego com o castelám. Isto é facilmente demonstrável. Basta comparar as gravações da internet duma paleofalante de Maçaricos, na Costa da Morte, com a de Castro Laboreiro, no Alto Minho de Portugal.

    Colher como referente galego esse vernacular híbrido não tem rigor científico nenhum, a menos que tenhamos o objectivo de ir com os preconceitos da gente.



    O critério lexical é igualmente futil: basta colher os usos vernaculares do século passado de qualquer região de Portugal para atopar milheiros de palavras e de expressões exclusivos. E prova isso que o “Alto Minhoto“, ou o “Micaelense“ são línguas ou variantes dela diferentes?



    Os dias da semana: a forma em “feiras“ nunca deixou de existir em território galego, nalgures. As formas “luns“, “mércores“, etc, são invenções dos isolacionistas, nunca se disseram no vernacular. Os plurais em "-ais" acham-se em Galiza tb. Etc.



    Formas como “agás“, “encol“, etc, foram colhidas de espaços ou âmbitos reduzidos e colocados fora de toda proporção, como instrumento de diferencialismo perante ao português, e por vezes ao espanhol. São artificiosidades que têm como objectivo criar essa ilussão de língua de seu, mas carentes de qualquer coerência.



    Formas como troita / truta, são pronunciadas como trüta nas ilhas atlânticas de Portugal. Deverão ser escritas diferentemente? Falaremos então duma outra variedade de português? A pronúncia do norte e do sul de Portugal dava também para implementar ortografias diferentes, e para falar de línguas diferentes.



    Enfim, para que continuar, quando se escreve sob os preconceitos linguísticos e políticos tudo é possível ...

    ResponderEliminar
  2. O debate sobre se galego e português são idiomas diferentes está superado. Hoje não há dúvida de que o galego é parte do mesmo diassistema onde estão as diferentes variedades do português. Escrevê-lo e falá-lo à espanhola não é ficar no meio, mas dum lado bem clarinho.

    ResponderEliminar
  3. Coido que vostede dixo o mesmo ca min: o galego e as variedades do portugués forman parte do mesmo "diasistema", ou sexa, dun conxunto de sistemas que forman unha mesma lingua histórica. xa que logo, está a recoñecer unha pluraliedade ou variedade dentro dun idioma que eu, ao menos, chamo "galego-portugués".

    ResponderEliminar
  4. Outra cuestión é se esta variante chamada "galego" debe manter ou non as súas características propias. Entendo que vostede considera que non, cando menos na escrita, xa que adopta a ortografía portuguesa. Mais que pensan a maioría dos galegofalantes? Non se está a pór o carro diante dos bois?

    ResponderEliminar
  5. Sim, mas eu nom estou a descontextualizar ou pôr fora de proporçom as peculiaridades do galego. Primeiro, que adianta isso de exagerar as diferenças? Segundo, que adianta padronizar essas peculiaridades, marginalizando elementos equivalentes que sim som partilhados co português padrom? É claro que há um objectivo de marcar as distancias co português, porque quem fijo o modelo isolacionista julgava (ou queria julgar) que o galego era umha língua diferente.



    E se você chama o galego de galego-português, por que o escreve segundo um modelo espanhol e nom português? Onde está a coerência de seguir os preconceitos e objectivos de quem pensa diferentemente?



    Como digem acima, este debate já nom interessa a ninguém. Agora é tempo de ser coerênte co que se diz, e fazer uma escolha. Deixar que os outros escolham por um, isso nom é escolha digna de ser humano.

    ResponderEliminar
  6. "Outra cuestión é se esta variante chamada "galego" debe manter ou non as súas características propias. Entendo que vostede considera que non, cando menos na escrita, xa que adopta a ortografía portuguesa. Mais que pensan a maioría dos galegofalantes? Non se está a pór o carro diante dos bois?"

    Eu estou por adoptar umha norma reintegracionista, a que for, mas enfiando nela muito mais galego do que os reintegracionistas normalmente fam. Para além da escolha ortográfica, “-om“ ou “ão“, etc, pode-se escrever “em português“ sem deixar de escrever em galego: léxico, semántica, fraeologia, etc. Nom há que abusar do diferencialismo, mas existe davondo como para criar uma norma galega do português.

    Sobre o que pensam a mioria dos falantes: isso é um problema sério, que deve ser arranxado. Mas nom vejo como se poida arranxar a partir da perpetuaçom da norma galego-espanhola. Eis, em parte, as minhas criticas a este blogue

    ResponderEliminar