viernes, 2 de diciembre de 2016

Os nomes das ras do xénero Hyla

Estas especies de anuros tan coñecidas pola súa intensa cor verde, maioritariamente, e a súa capacidade para rubir teñen na nosa lingua unha certa incerteza na súa denominación popular, sendo “estroza/estrosa” e “rela” os termos máis usados.

            No libro: “Anfibios e réptiles de Galicia” (Xerais, 1993) recibe a denominación principal de “estroza” e as subordinadas de: raniña (sic), ra de San Antón e rela.

            A Guía dos Anfibios e Réptiles de Galicia (Baía ed., 2006) dálle os nomes de: ra de Santo Antón, ra estroza e rela común.

            Na nomenclatura da SGHN (Lista Patrón dos Vertebrados de galicia, 1980) Hyla arborea recibe o nome de “rá estroza”, mentres que Hyla meridionalis (especie non presente na nosa terra) é “rá meridional”, porén Hyla arborea pasa a ser soamente “estroza” no posterior Atlas de Vertebrados de Galicia, 1995.

            E lista proposta por Conde Teira (Cadernos de Lingua 13, 1996) Hyla arborea recibe o nome de: rela común. Indicando que “estroza” é termo minoritario e que “rela”, moito máis estendido, presenta variantes como: relo e renlo.

            A Chave na súa lista de “Os nomes galegos dos anfibios” recomenda “rela europea” para Hyla arborea e recolle como sinónimos: “estroza”, “carranco”, “agano” (ambos son leitura errada pois significan unha doenza producida pola inxestión da cantáride polo gando vacún) e “ra das quenturas” (denominación da zona de Verín), mentres que Hyla meridionalis é: “rela meridional”.

            E a wikipedia galega decídese por “rela europea” para Hyla arborea, “estroza” e nomes alternativos como: “rela”, “ra de Santo Antón” e “ra das figueiras” para Hyla molleri, endemismo en discusión que substituiría a Hyla arborea no norte peninsular, e “rela meridional” para Hyla meridionalis, especie do sur e da costa mediterránea ibérica, costa setentrional do Magrebe e o sur da Franza.

            Estroza e a súa variante seseante “estrosa” está recollida por varios dicionarios da 2ª metade do s. XX e tamén polo Gran Dicionario Xerais da Lingua no noso século na súa variante: estrosa; mais non figura no dicionario da RAG nin é palabra portuguesa.

            Mentres que rela aparece nos primeiros dicionarios, s. XIX e 1ª metade do s. XX, como sinónimo de “couza, traza” e do “po que este insecto deixa no seu labor destrutor”. Logo en 1951 (dicionario de L. Carré Alvarellos) aparece tamén como sinónimo do insecto cantáride, mais será Aníbal Otero Álvarez quen primeiro recolla a súa acepción como Hyla sp., xunto con variantes como: raiela e renla, e sinónimos da especie como: arrá papeira (porque o macho no seu canto incha o papo até ter un tamaño maior ca a súa cabeza). Lembremos que a palabra: ra, estándar e maioritaria, presenta as seguintes variantes: arrá, arral, arrán e ran (todas recollidas no GDXL). Tanto o GDXL coma o dRAG recollen a acepción de “rela” como nome de Hyla arborea; o primeiro dicionario na quinta acepción da palabra e tamén recolle “relo” como sinónimo na segunda acepción do vocábulo, mentres que o segundo dicionario na terceira acepción e “relo” aparece como sinónimo de: “cullareto, cágado”, pero non de Hyla arborea.

            A palabra rela como sinónimo de couza procede do verbo relar (esmiuzar, facer po), mentres que como sinónimo de estroza procede do latín: ranella; por tanto son dúas palabras homónimas que deberían figurar separadas no dicionario e non como aparece actualmente no dRAG. Ademais este dicionario recolle: “ra de San Antón”, como sinónimo de rela, mais este nome semella un calco, bastante innecesario, do seu nome castelán.

            En principio, tanto “rela” coma “estroza/estrosa” son denominacións correctas para Hyla sp., e como sinónimos se deben utilizar; mais parece que o primeiro termo ten ao seu prol a súa maior extensión no territorio e a súa coincidencia coa forma máis corrente e popular en portugués, amais de ser unha palabra procedente dun diminutivo latino de “ra”, coincidindo así esta escolla coa da maioría das linguas romances, que tamén usan diminutivos para este pequeno anfibio anuro.

            Coido que o máis correcto sería denominar a especie do país, Hyla molleri, antano considerada subespecie de “Hyla arborea”, como: rela ibérica, pois é un endemismo do noroeste e o oeste peninsular; a Hyla arborea como: rela europea, seguindo a escolla da wikipedia; e a Hyla meridionalis como: rela meridional, seguindo o modelo das demais linguas próximas: ranita meridional (castelán), rela-meridional (portugués), reineta meridional (catalán) ou rainette méridionale (francés). Ademais hai en Europa máis outras Hyla como: rela italiana (Hyla intermedia), endemismo da Península Italiana e mais Sicilia, chamada “raganella italiana” en italiano e “rainette italienne” en francés.

            Hyla arborea recibe as seguintes denominacións noutras linguas –convén non esquecer que até hai pouco Hyla molleri era considerada subespecie desta–: rã-arborícola-europeia, rela e tanoeiro (portugués); ranita/rana de San Antonio/Antón (castelán), reineta arbòria e granoteta de Sant Antoni (catalán), rainette verte (francés) e raganella (italiano).

            

No hay comentarios:

Publicar un comentario