miércoles, 29 de abril de 2020

Evolución de LACTE e NOCTE nas linguas romances


As palabras latinas “lac” (leite) e “nox” (noite), así nas súas formas dos casos nominativo e vocativo, amais de acusativo prá primeira palabra, como moitas outras, deixaron descendencia en tódalas linguas e dialectos romances, a partir das súas formas simplificadas “lacte” e “nocte” dos demais casos xenitivo/dativo/ablativo “lactis/lacti/lacte” e xenitivo/dativo/acusativo/ablativo “noctis/nocti/noctem/nocte”; e serven pra podermos facer unha certa clasificación dos grupos romances observando a diferente evolución da secuencia consonántica –KT– intervocálica nas distintas falas da Romania.
            Dado que en latín a palabra “lac” era de xénero neutro e que as linguas romances só conservan dous xéneros: feminino e masculino, este vocábulo adoptou ora o xénero feminino ora o masculino en cada lingua ou mesmo ámbolos xéneros nalgunha lingua. No entanto, “nox” era de xénero feminino, que se conserva en tódalas falas romances.

            Facendo o percurso dende occidente cara a oriente, pra seguirmos un certo continuum lingüístico, comezamos coa nosa lingua:
Galego-portugués: “o leite” e “a noite”, mais baixo a mesma forma ortográfica se agochan tres pronuncias estándares diferentes: [u lajt(e)] e [a nojt(e)] en portugués, [u lejchi] e [a nojchi] en brasileiro e [o lejte] e [a nojte] en galego; tanto o galego coma o portugués coñecen a variante dialectal “noute”, que en Galiza é propia do extremo oriental de Ourense e a Seabra galega, e amais están “nuite” no occidente da Cruña e “nunte” no NE de Lugo, preto de Ribadeo. Por outra parte, o portugués deu lugar ás formas crioulas do caboverdiano “leti” e “noiti” e da Guinea-Bissau “liti” e “noti”.
Asturleonés: os tres estándares deste sistema lingüístico presentan cadansúa forma: “l lheite” e “la nuite” en mirandés, “el lleite” e “la nueite” en leonés e “la lleche” e “la nueche” en asturiano, lingua onde se recollen varias variantes dialectais tanto pra leite, que usan o xénero feminino ou o masculino segundo o lugar: llechi, lleiche, lleichi, lleite –forma maioritaria no asturiano occidental–, lleitsi, lliche, llichi, cheite, yeche e yeichi; coma pra noite: nuechi, nuetse, nuaite, nueite –forma maioritaria no asturiano occidental–, nuoite, nuiche, nuichi, nuochi, ñueche, ñueite, ñoche e nochi.
Castelán: “la leche” e “la noche”, vocábulos que se conservan igual no xudeoespañol”, e que ten as variantes en estremeño: “la lechi” e “la nochi”, e pasaron como préstamos ao quechua: “lichi”, ao aimará: “lich”, ao cebuano: “leche”, ao chamorro: leche  e ao papiamento: “lechi” e “(a)nochi”. Parece que o mozárabe pronunciaba “nóhte”. No castelán antigo documéntanse as variantes “nueche” e “noch”. E o andaluz pronuncia o dígrafo CH como fonema prepalatal fricativo xordo, igual có portugués.
Aragonés: “a leit” e “a nueit”, pronunciadas e ás veces escritas “a lei” e “a nuei”. Fronte ás formas xerais que coinciden coas propias da variedade occidental, a central ten as formas: “a leito” e “a noite”, e a oriental: “a let” e “a nuet”; onde se observa que as formas centrais son nidiamente as máis conservadoras. En benasqués, fala de transición cara ao catalán, as súas formas coinciden con este: “la llet” e “la nit”. A lingua non ten aínda un estándar plenamente oficializado.
Catalán: “la llet” e “la nit”, son un enlace claro entre as formas iberorrománicas coas formas sen vogal final galorromances, mais se se ten en conta que o catalán oriental usa a variante “la lleit” e que en catalán antigo era “la nuit” –escrito “nuyt”–.
Occitano: “lo lach” e “la nuèch/nuèit” son as formas xerais, mais tamén ten moito uso la forma “lo/la lait”, masculina ou feminina segundo a zona, e prá segunda palabra existen as variantes: “nuech, nuòch, nuet, nueit, nuit e net”. En gascón son “lo leit” e “la nueit” e en aranés, única fala occitana oficial, son “eth lèit” e “era net”.
Francoprovenzal ou Arpitán: “le/lo lacél” ou “le/lo lat”, escrito, por veces como: “le/lo lathi” ou “le/lo lé/lè”, e “la nuet”, mais a lingua, falada en tres países diferentes: Franza, Italia e Suíza, non ten recoñecemento oficial nin un estándar común.
Francés e outras linguas d’oil: “le lait” e “la nuit”, mais as súas pronuncias son [lê lé] e [la nui], mais o valón ten “li laecea” e “li nute/li niût” e hai outras formas d’oil desta palabra no borgoñón “neut”, no champañés “nutie” ou no normando “niet”. E do francés procede o crioulo haitiano “lèt la” e “nwit la”, onde o artigo indefinido se pospón, e o crioulo de Guadalupe “lèt” e “lannuit”.
Linguas galoitálicas: “o læte/læite” e “a neutte” en lígur, “ël làit” e “la neuit” en piemontés,  “el lacc” e “la nocc” ou “el lat” e “la nott” en lombardo occidental e oriental respectivamente, e “al làt” e “la nôt” en emiliano-romañolo mais ningunha das catro linguas ou variantes recoñecidas (lígur, piemontés, lombardo e emiliano-romañolo) ten regulación académica oficial.
Véneto: “la lat” e “la note”, onde a primeira palabra perde a vogal final coma nas falas veciñas galoitálicas ou retorrománicas, mais a segunda consérvaa coma nas falas italorrománicas, polo que deducimos que é unha lingua intermedia entre estas subfamilas lingüísticas. En istriano “el làto” e “la nuòto”, lingua romance do sur de Istria influída polo veneciano; e sabemos que “nuat” era a forma no extinto dálmata, tamén historicamente relacionado co veneciano.
Italiano e linguas italorrománicas: “il latte” e “la notte” en italiano, “lu latti” e “la notti” en siciliano, “ ’o latte” e “ ’a notte” en napolitano e “u latti/latte” e “a notte” en corso amosan a certa homoxenidade da evolución da palabra no territorio do dominio italorrománico.
Sardo: “su late” e “sa note”, onde se comproba a pouquísima evolución da palabra latina e a súa proximidade coa solución italiana, como o sardo estándar se basea na variante lugudoresa, propia da zona centro-setentrional de Sardeña, na variante campidanesa, que se espalla pola metade meridional da illa, as palabras son “su lati” e “sa noti”.
Linguas retorrománicas: “il latg” e “la notg” en romanche estándar, “il lat” e “la gnot” en friulano, “la nuet” en ladino gardenés, que ten as variantes: “nöt” (badioto), “net” (fassano), “not” (livinallongués) e “nóte” (ampezzano). Bardante do dialecto ampezzano, seica moi influído pola lingua véneta, as formas perden a vogal final nas tres linguas.
Linguas balcanorrománicas: “laptile” e “noaptea”, sen o artigo “lapte” e “noapte”, en romanés; e “lapteli” e “noaptia”, sen o artigo “lapti” e “noapti”, en arromanés; e “noptea”, sen o artigo “nopte” en istrorromanés.
Mesmo as linguas britónicas: adoptaron o latinismo “lacte” no galés “llaeth”, no cornuallés “leth” e no bretón “laezh”, concepto que en gaélico, tanto irlandés coma escocés, se expresa con “bainne”.
E algunhas linguas construídas auxiliares, cuxa base, en todo ou en parte, é o latín: “le lacte” e “le nocte” en interlingua e “li lacte” e “li nocte” en interlingue, e “la lakto” e “la nokto” en esperanto e ido; que manteñen o étimo ou case.

Á vista dos resultados observados podemos tirar algunhas conclusións interesantes, aínda que sen perder de vista que soamente estamos examinando un único trazo lingüístico dos moitísimos que determinan as características dunha lingua fronte ás demais.
Nas linguas ibéricas vemos que a vogal –A– de “lacte” mudou sempre pra –E–, con ditongación ou sen ela, unha singularidade que só ocorre parcialmente nalgunhas linguas galorromances coma o francés ou o gascón, mentres que o –A– se conserva no resto da Romania. Con todo, a pronuncia portuguesa transforma ese ditongo “EJ”, que aínda se conserva en galego e brasileiro, en “AJ”.
Tódalas linguas balcanorrománicas mudan a secuencia consonántica de –KT– a –PT– e romanés e arromanés crean un ditongo –OA– a partir de –O– denantes da secuencia.
As falas italorromances e, sobre todo, o sardo son as que se manteñen máis próximas do étimo latino, reducindo a secuencia consonántica á consoante –T– ou xeminándoa –TT–.
A ditongación da vogal tónica é unha evolución moi habitual en moitas falas (galego-portugués, asturleonés, aragonés, occitano, galoitálico, linguas d’oil, balcanorromance, etc.), e algunhas chegan a xerar tritongos: leonés e asturiano occidental (nueite, nuaite, nuoite, ñueite), aragonés (nuei(t)) e occitano (nuêit).
E que se podería facer un continuum coas falas que perden a vogal final que, indo de oesta a leste, partiría do aragonés, pasaría polo conxunto occitano-catalán, derivaríase polo norte polo arpitán e linguas d’oil e seguiría polo oriente polas falas galoitálicas e retorromances pra acabar no extinto dálmata. Mais non coas que a manteñen.
Porén a mudanza máis radical é a propia transformación da secuencia consonántica –KT– no fonema palatal africado xordo, representado polos dígrafos CH e CC; tal como ocorre no asturiano central e oriental: “lleche” e “nueche” e variantes, no castelán: “leche” e “noche”; no occitano: “lach” e “nuèch”, e mais no lombardo occidental: “lacc” e “nocc”. Ou mesmo nun fonema seseante no arpitán: “lacél” e no valón: “laecea”.

No hay comentarios:

Publicar un comentario