domingo, 7 de julio de 2019

O rotacismo no galego


A mudanza da consoante L polo R é coñecida como “rotacismo”, que designa en realidade o troco de calquera consoante polo R, sendo un fenómeno moi característico do galego popular na adaptación dos grupos latinos cultos: BL+vogal, CL+vogal, FL+vogal, GL+vogal e PL+vogal, que quedou ben recollido nos textos modernos ata finais do século XX, denantes da consolidación do galego estándar, que rexeita tal fenómeno, considerado vulgar, agás no léxico patrimonial.

            Tamén existe rotacismo no troco do S implosivo polo R cando precede a consoante sonora (/b/, /d/, /g/, /m/, /n/, /l/, /ll/), sobre todo, ou o fonema fricativo labiodental (F), o fricativo interdental (Z/C) e mesmo o africado linguopalatal /CH/, tanto en posición interior de palabra coma por fonética sintáctica, fenómeno coloquial que apenas tivo representación na escrita. Ex.: ercindir (escindir), lerma (lesma), ar vacar brancas e ar negras, or díar dar festas , etc.

            Con todo, o primeiro é un fenómeno que forma parte da nosa lingua dende os mesmos inicios dela, pois os exemplos deste tipo de rotacismo son abundantes nos textos medievais e constitúe unha diferenciación fundamental dunha parte substancial do noso léxico patrimonial na adaptación dos semicultismos fronte ao castelán, así (ex.: gl/es): branco/blanco, brando/blando, cravo /clavo, cumprir/cumplir, dobre/doble –xunto á existencia do cultismo “duplo”–, escravo/esclavo, fraco/flaco, frauta/flauta, frecha/flecha, nobre/noble, pracer/placer, prata/plata, praza/plaza, preamar/pleamar –xunto á existencia do adxectivo patrimonial “chea” e do cultismo “plena”–, preito/pleito etc.

            E non se pode obviar que formas hoxe consideradas” vulgarismos” xa se rexistran nos textos medievais: craro/claro e craridade/claridade, crerigo/clerigo, fror-frol/flor, groria/gloria, pruma/pluma, tenpro/templo etc., demostrando que o rotacismo que deu lugar ás palabras patrimoniais anteriores ben se puidera incrementar con outras máis se a nosa tradición escrita non se vese interferida pola ortografía castelá.

            O rotacismo que se dá nestes grupos cultos: –bl–, -cl–, –fl– , –gl– e –pl– está no xenio da nosa lingua dende o inicio da mesma, polo que a fala popular se limita a axeitar a súa pronuncia espontánea a estes grupos nos cultismos: ampro (amplo), apricar (aplicar), cabre (cable), crase (clase), crausto (claustro), cremente (clemente), crero (clero), compreto (completo), contemprar (contemplar), escramar (exclamar), escruír (excluír), esprendor (esplendor), espricar (explicar), esprorar (explorar), esprotar (explotar), franela (flanela), frotar (flotar) –xunto co semicultismo “frota”–, grobo (globo), incrinar (inclinar), prácido (plácido), probrema (problema), procramar (proclamar), púbrico (público); e mesmo na adaptación de castelanismos como: promo (chumbo), o sufixo castelán –bre (–ble) etc.

            Sen a interferencia da ortografía castelá nin o modelo do portugués estándar, que influíu notabelmente na escolla discriminatoria do léxico semiculto que debía adoptar o rotacismo, seguramente o galego estándar adoptaría unha maior permisibilidade con este rotacismo semicultista e unha maior semellanza coa fala popular, única custodia da nosa pronuncia xenuína.

No hay comentarios:

Publicar un comentario